Feixoo sae en defensa da valedora: “Non asinou” o nomeamento da irmá de Puy

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, sinala que a decisión de Milagros Otero, valedora do pobo, de poñer o seu cargo a disposición do Parlamento “hónraa”, mais deféndea e di que “non asinou” o nomeamento da irmá de Pedro Puy, portavoz do PP no Parlamento de Galiza.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, no Parlamento. (Foto: Europa Press)

Feixoo sae en defensa da valedora do pobo, Milagros Otero, e di que ela “non asinou” a convocatoria pola que foi designada María Puy Fraga, irmá de Pedro Puy, portavoz do PP no Parlamento, como xefa de servizo de Administración e Persoal da institución e que foi anulada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

O presidente da Xunta sinalou que a Milagros Otero “hónraa” a decisión de poñer o seu cargo a disposición do Parlamento. Por outra banda salientou a “maneira distinta” de actuar nas institucións vinculadas coa Xunta, como é o caso da valedora, a respecto aos concellos, pois estes, dixo, “poden contratar familiares e non pasa nada”.

As forzas da oposición pediron a demisión da valedora unha vez que o Tribunal Supremo rexeitou o recurso de Otero contra o auto do TSXG que consideraba probado o trato de favor a unha irmá do portavoz parlamentar do PP.

Comentarios