Feixoo revalida por quinta vez o seu liderado no PPdeG sen atarse de cara ás eleccións de 2024

"Todos somos o PP de España", salientou o presidente da Xunta, arroupado polo ex presidente do Goberno estatal Mariano Raxoi.
Alberto Núñez Feixoo, este sábado, no congreso do PPdeG (Foto: Europa Press).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo, este sábado, no congreso do PPdeG (Foto: Europa Press).

O xefe de filas dos populares galegos, Alberto Núñez Feixoo, revalidou este sábado por quinta vez o seu liderado no PPdeG co apoio de 98,3% dos algo máis de 800 compromisarios que se desprazaron ao Multiusos do Sar compostelán nun congreso marcado pola pandemia, e no que, sumando os invitados, superáronse os 1.100 asistentes.

Do total de votos emitidos, 801 delegados dixeron si á candidatura do actual presidente da Xunta. Con todo, houbo tamén 14 votos en branco e un nulo.

Sen apenas incógnitas en clave orgánica, o presidente desvelara na sexta feira o conxunto da súa nova dirección, na que recunca como secretario xeral o ferrolán Miguel Tellado. Arroupado polo ex presidente do Goberno estatal, Mariano Raxoi, e actuais dirixentes do partido como José Luis Martínez-Almeida, Isabel Díaz Ayuso ou Pablo Casado, Feixoo enviou unha mensaxe: "Todos somos o PP de España".

O líder do PPdeG tamén aproveitou a xornada para proclamar que se presentaba pondo o foco no reto das municipais —sumou numerosos perfís municipalistas na súa candidatura— e tamén, cando se convoquen as xerais, para axudar Pablo Casado a chegar á Moncloa.

Non houbo compromiso expreso, porén, de ser o candidato á Xunta en 2024, malia que moitos dirixentes galegos llo pediron mesmo publicamente este sábado. A súa reelección blindaríao para iso, mais Feixoo evitou explicitalo nas súas distintas intervencións e a pesar de ser preguntado expresamente cando presentou os avais.

Raxoi, "do PP e galego"

"Son do PP da Galiza e veño apoiar Feixoo", expuxo Mariano Raxoi á súa chegada ao congreso, en resposta a preguntas dos medios sobre se se identificaba máis co PP de Díaz Ayuso ou co de Núñez Feixoo. "Son do PP e galego", resaltou.

Tellado: "Estou profundamente orgulloso"

Pola súa banda, Miguel Tellado declarou estar "profundamente orgulloso" de servir Feixoo durante estes cinco anos, "porque en política non hai nada máis importante que servir a quen serve". E volveu porse á súa disposición: "O tempo que el me necesite".

Tellado fechou a súa intervención subliñando que este sábado se inicia un "novo capítulo na historia do Partido Popular de Galicia” e que "só queda o máis sinxelo: traballar, traballar e traballar".

Comentarios