martes 29/09/20
Crise política en Ourense

Feixoo retomará o "diálogo con Ourense" unha vez remate a crise de goberno

O presidente da Xunta, que hoxe viaxou a Asturias para participar nuns actos, responde desta maneira ás críticas por deixar ao alcalde da cidade sen a súa carta ofrecendo colaboración. Este sábado a Xunta anunciara que enviou misivas a sete das e dos rexedores das grandes cidades e á Federación Galega de Municipios.
feixoo, ourense, asturias
feixoo, ourense, asturias

Despois das críticas a Alberto Núñez Feixoo por ter enviado cartas ofrecendo a colaboración da Xunta á Fegamp e ás e aos alcaldes de seis das sete grandes cidades do país, deixando á marxe a Gonzalo Pérez Jácome e a Ourense, o presidente da Xunta advertiu este domingo que retomará "a negociación e o diálogo" co Concello cando supere "a profunda crise" de gobernabilidade.

Un dos máis ofendidos coa actitude do líder popular foi o grupo municipal do BNG de Ourense, que o acusou de facer un desprezo á cidadanía do municipio.

Onte mesmo, xusto cando se soubo das misivas, os nacionalistas pedíronlle que se retractase.

Pola súa banda, Jácome comentou que pensaba en pedir "amparo" ao Executivo do Estado español e á Unión Europea por esta "discriminacion nunca vista".

En declaracións antes de participar na celebración do Día de Galicia en Asturias, en Oviedo, Feixoo incidiu na necesidade de que se resolva a "profunda crise institucional" existente antes de retomar as relacións entre o Goberno do país e o dirixente ourensán, que só conta co apoio dun edil para conservar a Alcaldía.

"Son ourensán, é a terceira cidade de Galicia e o meu compromiso con Ourense segue intacto, pero o que é evidente é a profundísima crise do Concello, con só un concelleiro apoiando ao alcalde", xustificou o dirixente.

Hai que recordar que no último pleno, que decorreu após a "ruptura temporal" do pacto de goberno por parte do PP local, as e os concelleiros (agás un) pediron a marcha de Jácome.

comentarios