Feixoo, sen resposta no Parlamento sobre se existiu unha ‘caixa B’ do PP na Galiza

O presidente reprocha a BNG e PSdeG que lle pregunten mentres hai pandemia pola corrupción. Os nacionalistas anuncian que proporán unha comisión de investigación no Parlamento sobre a corrupción dos populares galegos.

O presidente Alberto Núñez Feixoo no pleno de orzamentos do Parlamento (Foto: Parlamento da Galiza)
photo_camera O presidente Alberto Núñez Feixoo no pleno de orzamentos do Parlamento (Foto: Parlamento da Galiza)

Núñez Feixoo sabía desde principios da semana pasada que esta cuarta feira no Parlamento galego tiña unha pregunta que responder. Sabía que BNG e PSdeG ían levar á sesión de control ao presidente de hoxe a ‘caixa B’ do PP, tras as revelacións de Luis Bárcenas en sede xudicial que salpican o PP galego no mandato de Núñez Feixoo.

O presidente, pois, sabía desde hai máis dunha semana que hoxe tiña unha pregunta que responder sobre ese pagamento de 50.000 euros procedente do partido en Pontevedra que en 2010 (cando el era xa presidente da Xunta e do PPdeG)un ‘enviado’ entregou en metálico a Bárcenas, segundo o ex tesoureiro afirmou en sede xudicial.

Unha semana para preparar unha resposta convincente que despexase calquera tipo de dúbida a respecto do financiamento do PPdeG. Mais a resposta non chegou. Feixoo respondeu ás preguntas, si, mais esas respostas non foron sobre o que se lle preguntaba. “Agardamos as súas explicacións”, emprazouno Ana Pontón. “Consistiu vostede unha caixa B do PP galego?”, interpelouno Gonzalo Caballero.

Mais Feixoo non atendeu ao caso. Principiou reprochando BNG e PSdeG que “en medio dunha pandemia” lle preguntasen pola corrupción. Acusounos de montar “un culebrón” e afirmou que leva 12 anos respondendo a preguntas sobre corrupción: “As respostas a esas preguntas están no diario de sesións”, dixo, para evitar dar unha na sesión de hoxe.

Mais as preguntas de hoxe eran nun escenario que non había antes: a declaración en sede xudicial do ex tesoureiro do PP falando de pagamento de 50.000 euros á caixa B do PP procedente do Partido de Pontevedra no ano 2010. E Feixoo foi eleito secretario xeral do PPdeG en 2006, polo que ese pagamento sería cando el estaba ao mando da organización.

“Enlamar”

Feixoo acusou nacionalistas e socialistas de “facer parte da estratexia de defensa de Bárcenas” contra o PP e enumerou, estratexia do ventilador, casos de corrupción do PSOE a nivel estatal.

A maiores, xogou a “enlamar”, como lle reprochou Ana Pontón. Feixoo dixo na súa resposta que “25% dos conselleiros do BNG no bipartito estiveron imputados”. Unha frase coa que se refería á imputación no seu día de Fernando Blanco, quen fora conselleiro de Industria. A causa contra Blanco foi arquivada en 2018 por "falta de credibilidade na acusación”. Mais iso si que non o dixo Feixoo.

Comisión de investigación

As intervencións de Núñez Feixoo non convenceron nin Ana Pontón nin Gonzalo Caballero. Ambos os dous coincidiron en cualificar como “irresponsábel” que se escudase na pandemia para evitar responder ás preguntas.

A portavoz do BNG reprochoulle que “fixese o de sempre, botar balóns fóra” e o socialista lamentou que deixase sen responder as preguntas que se lle formularon. Pontón anunciou que o BNG proporía no Parlamento a creación dunha comisión de investigación sobre a corrupción no PPdeG.

Comentarios