Feixóo renuncia a competir pola sucesión de Raxoi

O suspenso durou menos do previsto e Feixóo compareceu esta segunda feira, nun acto partidario convocado de urxencia nos xardíns dun hotel compostelán, para anunciar que non vai competir pola sucesión de Raxoi. Feixóo reiterou por enésima vez que o seu primeiro compromiso é con Galiza. Ao facerse a un lado, emerxerá con seguranza a candidatura de María Dolores de Cospedal, a secretaria xeral do PP. En teoría, Feixóo garantirá os votos galegos a Cospedal para impedir que chegue á presidencia do partido a súa principal rival, Soraya Sáenz de Santamaría. A decisión de Feixóo frea o proceso de sucesión que se tería aberto na Galiza de ter optado a competir pola cadeira que deixou vacante Raxoi.

feixoo 3

Feixóo renuncia a disputar o liderado estatal do seu partido entre outras cousas porque o seu proxecto de encabezar unha lista unitaria e de consenso se verificou como inviábel nas últimas datas, e nomeadamente esta mesma segunda feira co lanzamento da surpresiva candidatura de Pablo Casado. Non é o único referente do partido de certa relevancia que desexa substituír Raxoi. Tamén o vai tentar o ex ministro de Asuntos Exteriores e coñecido anti-sorayista, José Manuel García Margallo.

Esta segunda feira, resultou moi evidente que Feixóo carecía de suficientes apoios internos para ser coroado líder do partido por aclamación. Non só Soraya Sáenz de Santamaría gardaba un significativo silencio sobre as súas ambicións -limiar do lanzamento da súa propia candidatura-, senón que un dirixente relevante como Pablo Casado non só saltaba ao terreno de xogo, senón que o facía cun recado ao propio presidente galego.

Desbotado o consenso cupular a Feixóo abríaselle por diante un combate incerto en que facilmente podía ser emboscado e caer vítima do fogo amigo. O temor a que puidesen aparecer novas fotos comprometedoras -máis imaxes do book con Marcial Dorado- tivo un evidente efeito disuasorio sobre o inquilino de Monte Pío.

O discurso de Feixóo -interrumpido pola emoción en non poucas pasaxes da súa intervención- foi basicamente o de que en 2016 adquiriu un compromiso de catro anos coas galegas e cos galegos e que non sería coherente tomar o liderado do PP estatal sobre a base da ruptura da palabra dada nas urnas.

O temor a que puidesen aparecer novas fotos comprometedoras -máis imaxes do book con Marcial Dorado- tivo un evidente efeito disuasorio sobre o inquilino de Monte Pío

"Son o presidente de Galiza. O meu único pacto é cos galegos. Para min ser presidente da Galiza é a maior das ambicións políticas", enfatizou. "Non lle podo fallar aos galegos. Sería tanto como facelo a min mesmo", dixo. 

"A política en España vai máis alá da ponte aérea Barcelona-Madrid. Pódese facer política desde Galiza", alegou Feixóo, quen xa avanzou críticas ao goberno Sánchez a respeito da súa intención de abrir un proceso de reforma da Constitución. "Galiza dará a súa opinión" ao respeito, alegou.

Feixóo conxela a sucesión no PPdeG

A decisión de Feixóo afasta toda hipótese de se abrir, no mínimo no curto prazo, un proceso de mudanza de liderado no PPdeG. Ao non xogar á sucesión de Raxoi adía, por tanto, a súa propia.

Comentarios