Feixoo recoñece que o turismo de autonomías máis afectadas polo coronavirus non debería “entrar en Galiza”

Porén, non pedirá que se blinde Galiza.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo (Imaxe: David Cabezón / Xunta)
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo (Imaxe: David Cabezón / Xunta)

Núñez Feixoo recoñece que a chegada de turistas e visitantes a Galiza, onde apenas 1 de cada 100 galegas, segundo o estudo da Xunta; ou 2 de cada 100, segundo o feito polo Estado; estivo en contacto co coronavirus, é un risco. Os propios informes sanitarios do Goberno galego recoñecen que a chegada á Galiza en xullo e agosto deses turistas procedentes doutras partes do Estado vai multiplicar o número persoas afectadas pola pandemia. Aínda así, Feixoo decide convocar as eleccións para xullo

A preguntas de Nós Diario sobre a conveniencia, perante ese escenario de risco, de pedir a blindaxe de Galiza, o presidente galego optou por poñer ovos en todos os cestos e, ao mesmo tempo, en ningún.

“A xente que veña de comunidades autónomas cunha situación epidemiolóxica peor que a nosa non deberían entrar en Galiza”, recoñeceu, para a seguir engadir que “os que veñan de autonomías nunha situación similar á nosa, si”. Porén, esa afirmación non a traduce na práctica e non lle leva a sopesar pedir que se blinde Galiza.

Feixoo defende que o “turismo nacional” é importante para Galiza e que hai “miles de persoas” que desexan vir ao noso país para gozar das súas residencias.

Data electoral

Defendeu o presidente da Xunta que as eleccións sexan en xullo e indicou, nunha particular interpretación, que esta opción conta co apoio de 46 palamentares na Galiza (os do PP e En Marea) fronte a 29 contrarios.

Preguntou á oposición “cal é a súa alternativa” e avanzou que a campaña electoral vai ter que sr máis curta. “A clásica non poderá facerse, eses tempos xa pasaron. Temos que facer unha campaña máis curta”.

Tamén dixo que o atípico da situación obrigaba a “prever” outros posíbeis días para votar se “falla o día elixido”.

Residencias

Anunciou Feixoo na súa comparecencia após o Consello da Xunta que máis do 80 % das residencias de maiores e de discapacidade da Galiza poderán permitir visitas de familiares a partir desta segunda feira, aínda que unha vez por semana e sempre con cita previa.

En concreto, dixo, serán aquelas instalacións que leven 15 días sen contabilizar casos de COVID-19 entre usuarios e empregados, ademais de estar situados en concellos con baixa incidencia da pandemia.
 

Comentarios