Reaccións dos líderes políticos

Feixoo recoñece que agardaba "uns resultados mellores"

O presidente do Partido Popular de Galiza destaca os resultados municipais da súa formación, malia que con case toda probabilidade non poderá gobernar en ningunha das sete cidades. PSdeG e BNG xa albiscan un "cambio de ciclo nas vindeiras eleccións galegas" e Villares asegura que é o momento de realizar unha fonda reflexión. 

feixoo
photo_camera Feixoo está "razoabelmente satisfeito"

O presidente do Partido Popular de Galiza, Alberto Núñez Feixoo, comezou a súa intervención agradecendo "a quen nos votou, pois este voto ten máis valor nestes momentos de extraordinaria complexidade para España e para o Partido Popular". 

Destacou Feixoo que o PPdeG foi "o partido máis votado nas municipais, cun 33,4% dos votos totais" no país, "sendo a forza máis votada no 56% dos concellos galegos e obtendo 1.626 concelleiros, polos 1.190 do PSdeG, os 448 do BNG e os 34 de Ciudadanos", dixo. "Somos o partido con máis concelleiros e votos, e gañamos tres das catro deputacións". 

O presidente da Xunta lembrou asimesmo que "gañamos en tres cidades", aínda que recoñeceu que non o van ter doado para gobernar ningunha delas, en referencia a Ferrol, Lugo e A Coruña, nas que o PPdeG foi a lista máis votada mais non conta cos aliados suficientes para formar goberno. Achacou esta situación á "división do centro-dereita que beneficia ao PSOE, como xa o fixo nas xerais", mais incidiu en que, con todo, os resultados nas municipais son "moito mellores ca no resto de España, onde o PP obtivo o 22,11%, once puntos menos". Esa mesma diferenza é a que existe tamén no reconto das europeas, nas que o PPdeG supera en dez puntos a media do Estado. 

"Volvemos ser o partido máis votado en Galiza", recalcou, "e aínda que non era doado, percibimos síntomas de melloría. Estamos razoabelmente satisfeitos, pero é certo que agardabamos resultados mellores. En Ferrol e Lugo", sinalou, "o balón deu no poste e saíu fóra". Rematou Feixoo dicindo que "agora toca volver á normalidade e ao sosego, a reflexionar, e aos galegos teño que dicirlles que han ter estabilidade para máis dun ano longo". 

Gonzalo Caballero: "Somos o presente e o futuro dos galegos e galegas"

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, celebrou "un novo triunfo electoral" do PSdeG, que lidera "a maioría de progreso" que abre "un novo tempo político" en Galiza. "Os socialistas", subliñou "somos o presente e o futuro dos galegos e das galegas" mentres "o PP empeza a ser parte da historia".

O líder dos socialistas galegos valorou "un novo triunfo electoral" que sitúa o partido "liderando a maioría de progreso de Galiza". "Obtivemos máis representantes, máis gobernos e máis apoio", engadiu. Sinalou tamén que os resultados das europeas consolidan o PSdeG como "a primeira forza política" e advertiu o "novo tempo político" acelerado pola “hecatombe do PP".

Ana Pontón: "Abrir un tempo novo"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quixo valorar o reforzado apoio electoral tanto nas eleccións municipais como europeas e comprometeu que o BNG vai estar "á altura das expectativas" e sempre coa man tendida "para sumar máis apoios", porque tras o 26M a formación nacionalista xa encara como novo reto "abrir un tempo novo en Galiza". "Queremos liderar ese cambio que dea carpetazo ao decenio negro de Feixóo na Xunta", recalcou.

Pontón destacou o valor dos votos obtidos polo Bloque na dobre cita electoral, "porque permiten defender os intereses de Galiza en Europa para seguir dando visibilidade á nación galega nas institucións europeas, e tamén para seguir apostando por construír concellos que son referentes de calidade de vida e que apostan polo potencial do país", manifestou.

"O avance electoral na dobre cita coas urnas tamén serve para afianzar un espazo político clave para o presente e para o futuro do país, reforzando o proxecto común que representa o BNG para todas as persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón". Os resultados, explicou, “consolidan un crecemento importante do Bloque, un cambio de ciclo que confirma que o avance é imparable e que se vai multiplicar nas vindeiras eleccións galegas porque temos un proxecto de país sólido, solvente e unido” .

Pontón destacou que o BNG duplica votos nas eleccións europeas da man da candidatura que encabeza Ana Miranda, "unha aposta clara dos e das galegas por seguir tendo voz propia en Bruxelas coa nosa eurodeputada, que vai seguir dando a cara polos intereses do país pero tamén por sumar na construción doutra Europa democrática, social, solidaria e dos pobos". Igualmente, dixo a portavoz nacional do BNG, "cumprimos un dos grandes obxectivos, que era consolidar e ampliar a presenza do BNG nas grandes cidades do país", de tal xeito que a formación nacionalista volve ter representación en todas as urbes galegas cun incremento notable (35%) do número de concelleiros e concelleiras, "síntoma do claro avance do BNG", que volve entrar en Vigo e Ourense, duplica concelleiros na Coruña, convértese en determinante en Lugo, aumenta o voto en Santiago e volve ser a forza máis votada en Pontevedra. Ademais, o Bloque pasa a ter 14 maiorías absolutas triplicando a cifra de hai catro anos e sumará máis alcaldías.

Con todo, Pontón asegurou que "somos inconformistas, sabemos que este cambio de ciclo non ten volta atrás e imos ir con toda a forza e coa man tendida para seguir sumando máis apoios ao Bloque cun obxectivo moi claro: Poñerlle fin en 2020 a este decenio negro de Feixóo na Xunta de Galiza, porque este país necesita abrir un tempo novo e a organización que ten un proxecto de país sólido, que quere seguir construíndo desde a capacidade e o potencial deste pobo é o BNG".

Luís Villares: "Non fomos capaces de responder ás expectativas"

O portavoz de En Marea mostrouse contundente na súa valoración. "Os resultados das mareas municipais son malos, en xeral, con honrosas excepcións, pero en xeral reflicten unha importante tendencia á baixa, é dicir, unha baixada de confianza nunha forma de facer política". Asegurou estar "nun cambio de ciclo político en Galiza propiciado polo efecto arrastre das xerais a favor do PSOE e a incapacidade de facer da bandeira da diversidade ideolóxica un factor de mellora social".

Así, manifestou que "a ilusión das mareas se baseou no traballo cidadán que agregaba partidos e segmentos de poboación que tiñan puntos en común e que se puxeran dacordo, que sumaran esforzos para cambiar o panorama político, abandonando os seus particularismos orgánicos e os maximalismos ideolóxicos". Esta situación, engadiu, "seduciu no seu día a desencantados do nacionalismo e do socialismo e depositou en nós confianza nunca vista en Galiza". "Lamentabelmente", explicou Villares, "non fomos capaces de responder a estas expectativas. As tensións internas, provocadas por intereses das partes que pensaban máis en si que no interese xeral; e a ocupación do espazo político e comunicativo con estes temas, en vez de facelo en propostas políticas que contribuísen a solucionar de forma xusta os problemas cidadáns, acabaron por pasarnos factura e perdemos o interese cidadán".

"É momento de deixar atrás esas tensións orgánicas e de deixar atrás a deriva na que nos deixamos arrastrar a nivel estatal por aqueles que xeraron un discurso que nos fixo perder transversalidade", advertiu. "É o tempo de tomar nota deste cambio de ciclo político e de axustar tanto a organización, como revisar o discurso, para resultar eficaces para resolver os problemas de xustiza social que ten Galiza neste momento, que son moitos".

Comentarios