Sen liñas vermellas

Feixoo recomenda ao PP apoiarse en Vox

Alí onde o PP precise de Vox para alcanzar alcaldías e presidencias autonómicas, Feixoo recomenda apoiarse no partido de ultradereita, mais tentando evitar darlles postos nos gobernos. Esa é a receita do presidente da Xunta após o 26M.

Vox
photo_camera Vox

Malia que a Galiza é infranqueábel para a ultradereita, onde Vox non conseguiu actas en ningún concello nin tampouco logrou representación nas eleccións xerais do pasado 28 de abril, Alberto Núñez Feixoo saíu á palestra pública para marcar o camiño do seu partido ante os posíbeis pactos en concellos e comunidades alén da Galiza.

O presidente da Xunta defendeu que o PP se apoie en Vox onde o necesite para alcanzar alcaldías ou presidencias

O presidente da Xunta defendeu que o PP se apoie en Vox onde o necesite para alcanzar alcaldías ou presidencias mais sen partillar goberno co partido de Abascal. De tal maneira, o PP collería de muleta á ultraespañolista mais ficaría para si con todos os postos no goberno.

De feito, na rolda de prensa após a xuntanza co executivo galego, Feixoo enxalzou o modelo de pacto de Andalucía de PP, Ciudadanos e Vox que deu a presidencia ao popular Juan Manuel Moreno. A ese respecto Feixoo afirmou que "o acordo andaluz é homologábel a calquera país europeo. Estamos orgullosos dese acordo", incidiu Núñez Feixoo. Ese é precisamente o exemplo que Feixoo debullou aos medio como o camiño a seguir do Partido Popular para non retroceder excesivamente no seu poder.

"O acordo andaluz é homologábel a calquera país europeo. Estamos orgullosos dese acordo", incidiu Núñez Feixoo

"Moita xente deuse de conta que votar Vox é facilitar o goberno que se trata de evitar", sentenciou Feixoo e engadiu que se “o voto dos dous millóns e medio de persoas que apostaron polo partido de Abascal" fosen ao PP estarían agora "empatados a escanos co PSOE". Sinalou que de ter acontecido desa maneira, "Pablo Casado podería estar conformando goberno con Albert Rivera", e lamentou que o PP non tivese “explicado con máis claridade e maior intensidade" as consecuencias de votar a Vox porque entón Pablo Casado tería obtido “ un mellor resultado" nas xerais.

Preguntando pola prensa sobre que liñas vermellas estabelecería á hora de pactar con Vox, Núñez Feixoo tirou de hipocrisía e censurou que se cuestionen os acordos do PP coa ultradereita e non se faga o mesmo cos do PSOE co nacionalismo.

Feixoo censurou que se cuestionen os acordos do PP coa ultradereita

Os fracasos de Vox nas tres nacións

Da mesma maneira que aconteceu nas eleccións xerais do 28 de abril, o partido de Abascal fracasou o 26 de maio nos comicios municipais e europeos tanto na Galiza como nas outras nacións sen estado.

No noso país Vox presentouse en 13 concellos mais non logrou ningunha acta de edil, e unicamente sumou 10.000’ votos.  En Euskal Herria non conseguiu tampouco nin unha soa acta, mentres que en Catalunya só logrou presenza no concello de Salt, onde entrou con 3 edís.

Comentarios