Feixoo reclama unha Conferencia de Presidentes para non pasar "do estado de alarma ao caos"

O líder dos populares galegos avoga pola unión xa que o "o 9 de maio quedamos sen leis para xestionar a pandemia".
Núñez feixoo durante a súa intervención na Xunta Directiva do PPdeG en Oleiros.
photo_camera Núñez feixoo durante a súa intervención na Xunta Directiva do PPdeG en Oleiros.

O presidente da Xunta e do PP de Galicia, Alberto Núñez Feixoo, volveu esixir este sábado ao Goberno estatal a convocatoria dunha Conferencia de Presidentes para abordar o fin do estado de alarma previsto para dentro dun mes. "O 9 de maio quedamos sen leis para xestionar a pandemia", advertiu.

Durante a súa intervención na Xunta Directiva do PPdeG que tivo lugar en Oleiros, Feixoo insistiu en que "a cogobernanza non pode ser un slogan" nin "unha palabra baleira". Ao seu modo de ver, o Executivo de Pedro Sánchez utiliza este termo "cando non sabe o que ten que facer".

"Do estado de alarma ao caos"

Fronte a isto, destacou o papel das autonomías durante a pandemia: "Fomos sempre leais ao Goberno e pedímoslle que exercese os labores mínimos de coordinación". Neste sentido, o xefe do Executivo galego asegurou que as comunidades foron "máis leais co Goberno de España que o Goberno de España coas comunidades", que tiveron que "xestionar os seus incumprimentos" e a súa "ausencia". 

Feixoo rexeitou gobernar un país "con estados de alarma permanentes", polo que reclamou a convocatoria dunha nova Conferencia de Presidentes que aborde que vai pasar tras o 9 de maio, cando o Estado quede "sen cobertura legal para tomar decisións" no contexto de pandemia.

Para o líder do PPdeG, España necesita agora "certezas" e non "un Goberno que pase do estado de alarma ao caos" e á "inseguridade xurídica". Por iso, e porque as comunidades "non teñen máis interese que acertar", Feixoo avoga pola unión "para pór sentido común ante a falta de sentido común do Goberno central".

Lexislación sanitaria

Ademais, Feixoo puxo o foco na necesidade de adoptar unha lexislación sanitaria para administrar a pandemia, algo que o Consello de Estado "veu dicir" e que a Xunta propuxo en reiteradas ocasións, mesmo coa remisión á Moncloa dun proxecto de lei orgánica.

Neste sentido, lembrou que Galiza reformou a súa Lei de Saúde para adaptala ás circunstancias actuais ante o "baleiro legal" que haberá tras o 9 de maio, uns cambios normativos que, en parte, foron obxecto dun recurso de inconstitucionalidade por parte do Goberno estatal.

Ante esta discrepancia entre Administracións, Feixoo apoiou a normativa galega porque conseguirá "dar cobertura ao comité clínico, ao Sergas e ás autoridades sanitarias para xestionar a pandemia", dixo e porque segue a liña de leis que "están a aprobar nestes momentos" en Euskadi e en Aragón, onde os socialistas forman parte dos Gobernos. "Eles probabelmente non terán o problema que teremos nós", apostilou.

Axudas a autónomos

O presidente da Xunta aproveitou tamén para cargar contra a repartición das contías que chegan do Executivo estatal para dar axudas a autónomos -a Xunta cifra en 330 millóns o que lle corresponde a Galiza, fronte aos 234 que envían desde Moncloa-.

 

Comentarios