Feixoo quere votar no mes de xullo

A oposición dá por feito que se convocarán as eleccións para o verán.
feixoo

As eleccións galegas proximamente terán data. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, ten decidido convocar os comicios para o vindeiro mes de xullo, agás que a evolución da pandemia obrigue o Executivo estatal a dar pasos atrás e manter as actuais condicións de excepcionalidade. A maquinaria do Partido Popular está en marcha.

As mensaxes que traslada Feixoo son inequívocas. Unha vez desconvocada a cita coas urnas do 5 de abril, o presidente galego dálle continuade á campaña electoral na que está embarcado desde as eleccións estatais de novembro de 2019. Convencido de que a súa continuidade á fronte da Xunta da Galiza pasa por debilitar as forzas da oposición, avogou por unha nova fase de confrontación co Executivo estatal, nesta ocasión a conta do coronavirus. A perda de apoios das organizacións que conforman o gabinete de Pedro Sánchez é o sinal para que Feixoo decida axilizar a convocatoria electoral.

O relato e a axenda do equipo de Feixoo non deixa dúbidas sobre as súas intencións. Así, o presidente galego e as súas conselleiras e conselleiros destacan a menor afección do coronavirus na Galiza para pór en valor a xestión da Xunta e para vender unha sensación de normalidade que permita a volta á actividade. Ao tempo, as responsábeis gobernativas manteñen unha intensa axenda pública de interlocución social con diferentes axentes sociais, na perspectiva de contestar a política do Executivo central. Nesta liña non sorprende que importantes dirixentes do PP, como o seu portavoz parlamentario, Pedro Puy abran a porta a votar en xullo.

A vontade do lehendakari Iñigo Urkullu de celebrar os comicios vascos en xullo favorece o obxectivo de Feixoo. As forzas políticas de Euskadi van ser consultadas sobre a convocatoria electoral nunha xuntanza que terá lugar a vindeira quinta feira, onde é previsíbel que se adiante unha data definitiva para acudir ás urnas. A este respecto, semella fundamental a posición final do PSOE, parceiro do PNV no Goberno vasco e cuxa decisión vai estar condicionada polo apoio que prestan as nacionalistas ao Executivo de Sánchez. Segundo fontes consultadas por Nós Diario, o PNV podería ter acordada a data dos comicios co PSOE, o que influiría finalmente na Galiza.

Feixoo vese con posibilidades de reeditar unha maioría parlamentaria que lle permita manterse á fronte do Goberno galego. As diferentes sondaxes coñecidas após a aparición da pandemia do coronavirus apuntan a 0un retroceso na intención de voto das organizacións que conforman o Executivo estatal. Os estudos elaborados para Galiza debuxan unha situación semellante, cunha alza do Partido Popular, que inverte a tendencia á baixa recollida nas enquisas do mes de marzo. A suba das populares é resultado da concentración do voto doutras formacións da dereita pero tamén de achegas do electorado socialista.

“A actual conxuntura política benefícianos”, sinalan a Nós Diario fontes internas do PP, convencidas de que “a menor afectación da epidemia na Galiza é tamén un éxito da xestión de Feixoo. Nun momento como este precísanse liderados fortes e claros e non coalicións nin experimentos”. Pola súa banda, dirixentes das forzas da oposición lamentan que Feixoo teña “desatendidas as súas responsabilidades de Goberno” e acúsano de tentar acudir as urnas “nunhas circunstancias excepcionais e sen garantías plenas para o exercicio do voto”.

Comentarios