Política

Feixoo proporá subir o aforo dos locais de hostalaría a 50% na segunda semana da fase 2

O presidente da Xunta tamén quere que o aforo das praias se determine segundo a marea estea alta ou baixa.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, na reunión con Pedro Sánchez (Europa Press).
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, na reunión con Pedro Sánchez (Europa Press).

O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, reuniuse este domingo por undécima vez cos presidentes das comunidades autónomas. Posteriormente, o líder da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, compareceu ante os medios para explicar o tratado na xuntanza.

Feixoo manifestou, na liña da posibilidade comunicada por Sánchez de que moitos territorios abandonen o estado de alarma en canto finalice a fase 2 do desconfinamento, a súa intención de que a Galiza sexa un deles. Se se cumpre a o escenario máis favorábel de 15 días por fase, isto acontecería o vindeiro 8 de xuño.

Igualmente, o líder popular volveu pedir que se permita a mobilidade entre provincias na mesma situación epidemiolóxica, con especial mención para o estudantado universitario e as familiares de persoas enfermas.

Aforo de locais

En canto ao aforo de locais de hostalaría, que segundo o Boletín Oficial do Estado pode ser mudado por parte dos gobernos autonómicos, Feixoo manifestou que a recomendación da Xunta será fixar o máximo no 40% contemplado en principio polo Estado durante a primeira semana, coa idea de subilo logo a 50% a partir da segunda feita 1 de xuño.

A marea nas praias

Feixoo criticou o anuncio de que vai haber tempada turística estival, especialmente a estranxeira, sen un "protocolo de rebrotes". O titular da Xunta pediu tamén "aclarar" as medidas recollidas no BOE en referencia á asistencia a praias.

Rexeitou, neste sento, o mantemento da distancia mínima de seis metros desde a liña de preamar para contabilizar o aforo máximo, debido ás dimensións pequenas de moitas praias galegas. Por iso, propón que no caso da Galiza se faga dependendo de se a marea está baixa ou alta.

Desaprobación do pacto con Bildu

Por último, o presidente da Xunta tamén se mostrou molesto polo pacto do PSOE de Sánchez con EH Bildu en relación á reforma laboral de 2012. O popular, na liña da declaración doutras forzas políticas como Ciudadanos ou Vox -que abandonou a Mesa de Reconstrución tras o acordo- expresou que lle preocupa que a esquerda "abertzale" sexa "un interlocutor do Goberno estatal".

Comentarios