O presidente da Xunta alude ao co-goberno fronte á Covid-19

Feixoo promete "moderación e estabilidade" na cuarta lexislatura

No seu discurso de investidura como presidente da Xunta, Feixoo reivindica a estabilidade e a moderación política na Galiza mentres olla cara ao goberno do Estado para reclamar colaboración sanitaria. Na mesma liña, puntualiza que os desaxustes entre as administracións responden a unha "concepción errónea" do estado autonómico.

_DSF8935
photo_camera Feixóo durante o discurso de investidura. / Arxina

A investidura de Feixoo fíxose efectiva no Parlamento, nun acto que tivo lugar ás 12 desta mañá, e despois de que o presidente da cámara, Miguel Santalices, lese o decreto correspondente. O xa titular da Xunta prometeu “ser fiel” ao seu cargo e desempregalo con “moderación” e en colaboración co Estado, no referido á Covid-19.

No seu discurso, Feixoo reivindicou que, “a moderación non é debilidade, senón fortaleza", e que "a estabilidade non é inmobilismo, senón dinamismo asentado en bases firmes”. Considerou que o que demanda Galiza é "un modo de gobernar afectivo e efectivo" e iso, dixo Feixoo, é o que el considera "galeguismo". 

Ademais, aproveitou a presenza da ministra de Política Territorial, Carolina Darias, para erixirse en defensor do Estado das autonomías e apuntar que se producen "desaxustes" entre as distintas administracións e que “algúns derivan da que, na miña opinión, é unha errónea concepción" dese estado, explicou o político popular para recalcar que hai "identidades que buscan a fricción". O presidente da Xunta tamén quixo reivindicar que o “co-goberno debera ser algo habitual e espontáneo, e non presentarse como unha concesión derivada dunha situación excepcional", engadiu.

Feixoo referiuse á Covid-19 ao describir a situación como “tempos difíciles” que segundo el “piden que a proximidade democrática” entre as administracións e as persoas sexa máis estreita e máis intensa”. Nesta dirección apuntou que se compromete a que Galiza “non estea gobernada polos acontecementos” e asegurou que “máis cedo que tarde, Galiza coma España e coma o mundo, vivirá a normalidade sen adxectivos”.

Coa toma de posesión de hoxe, á que asistiron os portavoces da oposición, Ana Pontón (BNG) e Gonzalo Caballero (PSdeG-PSOE), Feixoo inicia a súa cuarta lexislatura no goberno do noso país, a mesma cifra que Manuel Fraga. Pero a equiparación entre os dous líderes da dereita non fica aí, porque Alberte Núñez Feixoo tamén se fixo acompañar pola Real Banda de Gaitas da Deputación ourensá á súa chegada ao Parlamento.

No evento, o líder do PPdeG, estivo acompañado por integrantes dos anteriores gobernos do Estado como o ex-presidente Mariano Rajoy ou a ex-ministra Ana Pastor; o actual presidente do seu partido, Pablo Casado; e os titulares dos gobernos de Andalucía, Juan Manuel Moreno, de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, e da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso.

Tamén acudiron á toma de posesión os conselleiros e as conselleiras en funcións, así como o ex-presidente socialista Fernando González Laxe, os ex-presidentes do Parlamento, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, o delegado do Goberno, Javier Losada. O evento do Pazo do Hórreo pechouno a cantante Lucía Pérez, que interpretou o himno.

Comentarios