Feixoo, a prol de sufragar con fondos da UE o novo emprazamento de Ence

Dúas condicións pon sobre a mesa Núñez Feixoo para financiar con fondos europeos de recuperación o traslado de Ence desde a ría de Pontevedra a unha nova planta noutra localización: que a empresa queira investir nese traslado e que se poidan captar fondos da UE para tal fin. A primeira, polo de agora, non se cumpre.  
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, no Consello do Goberno galego (Foto: Arxina)
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, no Consello do Goberno galego (Foto: Arxina)

A factoría de Ence "non se pode fechar nin en 15 días nin en 15 meses nin cando entre en vigor a Lei cambio climático", aseverou o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Consello do Goberno galego deste 22 de abril. Iso si, deixou aberta a posibilidade de empregar fondos europeos de recuperación para trasladar a celulosa da súa actual localización en Lourizán, na ría de Pontevedra, sempre que se dean "dúas condicións": que a empresa queira investir no traslado e que se poidan captar fondos europeos para tal fin. 

Así respondeu o mandatario galego a preguntas dos medios logo de que na cuarta feira, 21 de abril, no marco da mesa de diálogo convocada polo Ministerio de Transición Ecolóxica para o futuro da planta en Pontevedra, a pasteira se abrise por vez primeira a estudar alternativas para un novo emprazamento

Porén, as condicións que pon Feixoo non son casuais. De facto, a primeira -que a pasteira aposte polo cambio e faga un desembolso para realizalo- fía coa posición que a empresa anunciou o pasado 22 de abril: se ben acepta estudar a posibilidade de novos emprazamentos, o traslado non o ve "posíbel nin por motivos técnicos nin económicos". Eis a chave: hai vontade para estudar propostas, mais non para levalas a cabo.

Sobre a posíbel utilización de fondos europeos Covid-19 para trasladar Ence, Feixoo afirmou que hai unha oportunidade no ámbito dos fondos de transición enerxética e transición ecolóxica para instalar novas industrias forestais en lugares máis axeitados.
De dárense as dúas condicións que Feixoo puxo sobre a mesa, a Xunta estaría "en disposición de buscar unha saída ao respecto", dixo, ao tempo que cargou contra o artigo 18 da Lei de cambio climático porque "implica" o fechamento de Ence.

Este artigo preocupa na Galiza, mais non precisamente pola celulosa, senón porque afecta de maneira directa o sector económico mar-industria ao realizar unha modificación do previsto na Lei de costas, reafirmando o límite de 75 anos para as concesións en dominio público marítimo-terrestre e ao facer nulos os actos administrativos que prorroguen este prazo máximo. Pese a que este artigo pon en perigo o complexo agroalimentar e as empresas integradas no medio, Feixoo insistiu en que o propósito deste apartado da lei estatal é estipular que a concesión de Ence en Lourizán é unha concesión ilegal.   

"Oxalá puideramos buscar" un emprazamento "dentro duns anos" a Ence ou a calquera pasteira que se queira pór na Galiza. Se mañá vén unha empresa finlandesa ou de calquera outro país e quere situarse nalgún lugar axeitado, por suposto que facilitaremos ese investimento", dixo Feixoo, afirmando que "necesitamos dúas" pasteiras na Galiza, porque temos "46% da madeira de España". 

E en relación cos incendios forestais -pero sen facer alusión ás consecuencias que sobre os lumes ten o monocultivo de eucalipto-, Núñez Feixoo anunciou a decisión do Consello da Xunta de pór en marcha o Plan de prevención de incendios, dotado con 30 millóns de euros para actuar en máis de 58.000 hectáreas de monte e en 5.000 quilómetros de pistas e vías de comunicación.

Ayuso, "boa para a Galiza"

Que a candidata popular Isabel Díaz Ayuso gañe as eleccións madrileñas do 4-M é "bo para Madrid, para España e, por tanto, para a Galiza", afirmou Feixoo, que ve o seu "discurso perfectamente compatíbel" co de Ayuso.

Así respondeu a preguntas dos medios pola afirmación do líder do PP, Pablo Casado, asegurando que quere ser "a media" entre Feixoo e Ayuso.

Os móbeis de Meirás

A preguntas dos medios sobre a resolución da Audiencia Provincial da Coruña da pasada terza feira que obriga o Estado a devolver o mobiliario do Pazo de Meirás (Sada) á familia Franco, ademais de indemnizala, o presidente da Xunta sinalou que a súa máxima preocupación está nas estatuas de Isaac e Abraham do Mestre Mateo e na biblioteca de Pardo Bazán, por seren bens de interese cultural (BIC). Esta protección, avisou, implica que calquera actuación sobre elas necesita ser autorizada pola Xunta. 

Feixoo sinalou unha posíbel falta de concreción sobre o mobiliario na demanda do Estado para a devolución do pazo. Desta maneira o presidente dá osíxeno á interpretación dos Franco para separar o edificio do seu contido, como se este for BIC só polas torres. "Dáme a sensación de que [a resolución] non é recorríbel pero si se pode iniciar novo un preito en relación cos móbeis", remachou en todo caso Feixoo.

Lei de Saúde

En canto á Lei de Saúde, que o Parlamento aprobou cos únicos votos do PP e que o Goberno español recorreu ante o Tribunal Constitucional, Feixoo recoñeceu que está disposto a negociar co Executivo estatal a mudanza do parágrafo suspendido da lei.

"Se o Goberno [español] di que a Xunta sinala na lei que a vacinación é obrigatoria, xa lle digo que non hai preito porque na lei non se di en ningún momento que a vacinación é obrigatoria", expuxo, recoñecendo que non tería problema por mudar a redacción do parágrafo. "Sabemos perfectamente que unha comunidade non ten competencias para obrigar ninguén a vacinarse no ámbito da  Covid-19", concluíu.

Nova lei para previr adiccións en menores

A Xunta traballa nunha lei de prevención de adiccións en menores. "Hai un consumo en relación con este asunto que nos preocupa", afirmou o presidente Núñez Feixoo. O proxecto "comeza a andar xa" coa apertura dun período de consultas para que asociacións e colectivos fagan achegas. Segundo explicou Feixoo, a norma procura actualizar os criterios e obxectivos das medidas de prevención, introducir limitacións á venda e publicidade de substancias  psicoactivas como "cannabis e derivados", ou anfetaminas, entre outros. Tamén busca limitar o "mal uso" das redes sociais, internet e videoxogos.

Feixoo sinalou que unha enquisa de 2019 apuntou que 72,5% dos adolescentes consumiu algunha vez alcol; 35,9%, tabaco; 27,5%, cannabis; e 13% fai un posíbel uso compulsivo de internet.

Comentarios