Xunta

Feixoo presume dos investimentos en sanidade e celebra o déficit

A Xunta inicia a vía xudicial polos máis de 200 millóns que o Estado debe polo IVE de 2017 a Galiza.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, após a reunión do Consello (Xunta).
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, após a reunión do Consello (Xunta).

O presidente da Xunta deu onte conta dun "plan de atención primaria" polo cal se investiron 8,5 millóns de euros en "melorar os equipamentos dos centros de saúde" do país. Así, detallou que se dedicaron 6 millóns de euros a "aparatos diagnósticos" tales como electrocardiógrafos, desfribiladores, ecógrafos, retinógrafos, espirómetros, pulsiosímetros... e os outros 2,6 millóns foron para a "reposición de mobiliario xeral e clínico". Alberto Núñez Feixoo afirmou que ese "plan" estaba asinado con asociacións profesionais e sindicatos, a pesar de que os sindicatos non aprobaron no seu conxunto este documento. Un "plan" que chegou a raíz da dimisión en bloque dos xefes de servizo da área sanitaria de Vigo e que non supuxo compras a maiores, senón a resposta aos plans de necesidades que elaboran nos centros de saúde de todo o país cada ano, e que desde o Sergas levaban anos sen atender. Este "plan" foi unha das medidas "a curto prazo" que se marcou a Xunta após as renuncias das médicas de Vigo, polas que tamén crearon unhas "mesas de traballo" que xa remataron e das que aínda non hai conclusións.

Após a reunión do Consello da Xunta, o presidente galego tamén anunciou as datas dos vindeiros exames da Oferta Pública de Emprego (OPE) para as profesionais sanitarias. "Temos contratos temporais excesivos",  recoñeceu Feixoo, "e queremos poñer fin a tanta temporalidade". Con esta OPE vanse consolidar interinidades preexistentes no sistema sanitario galego, mais non está contemplada a solución para crear novas prazas.

Sobre isto, Feixoo asegurou que convoca "o máximo legal permitido": repón o 100% das profesionais que marchan por xubilación, traslado ou falecemento e mais, segundo explicou, un "8%" que o Estado lle permitiu a maiores e que dedicou só a prazas para sanidade. "Entre 2012 e 2019 sacamos 5.936 prazas de empregadas da sanidade pública da Galiza", sostivo. Ao que non se referiu o presidente galego foi as prazas que se perderon nos últimos anos e das que culpa de maneira tanxencial ao Goberno de Pedro Sánchez (que considera que funciona desde a moción de censura a Mariano Raxoi, sen importar o tempo que estivo en funcións) e de forma directa "a situación crítica de España", que levou a estabelecer unha taxa de reposición das empregadas públicas dun 10% e contra a que Feixoo carga agora, non durante a etapa do seu partido no Goberno estatal, pese a tampouco abundar nas solucións para recuperalas.

Con todo, anunciou que solicitou ao Goberno do Estado que lle permita convocar unha "OPE extraordinaria" porque, dixo, "queremos sacar o 100% das prazas vacantes", e que o Executivo de Sánchez "nin contesta".

"Isto parece que está feito dunha forma interesada. Tensionar a sanidade pública no país por parte do Estado. Isto pode ser ou impericia ou mala fe, entendo que é por impericia. Agardo que este ministro de Sanidade tome nota de como está o sistema nacional de saúde. No consello interterritorial de saúde isto está enriba da mesa. Se durante cinco anos non puidemos sacar todas as vacantes, inevitabelmente, para poder manter o servizo, tiñamos que facer contratos temporais. Agora o que pedimos é que todos eses contratos temporais poidan saír á OPE como persoal estatutario fixo", explicou Feixoo.

Así mesmo, o presidente galego asegurou que é necesario "incrementar a capacidade docente para formar máis pediatras e máis médicos de familia", como  levan anos reclamando desde os sindicatos. Mais Feixoo non aludiu a que os titores estean saturados de traballo e non teñan o tempo preciso para levar a cabo esa formación e que as estudantes de Medicina non queren facer especialidades relacionadas coa atención primaria, como demostra o feito de que as últimas prazas que escollen despois de aprobar o MIR son as de Medicina Familiar e Comunitaria e que as profesionais que elixen pediatría non queiran traballar en atención primaria pola presión asistencial e a precariedade laboral.

"Galiza cumpre co déficit"

Na súa comparecencia posterior ao Consello da Xunta, o presidente tamén avanzou os últimos datos da Consellaría de Facenda que indican que "Galiza volve cumprir o déficit público en 2019", así como cos "obxectivos de débeda pública" e co "esforzo investidor" por encima da media do resto dos territorios do Estado. Neste sentido, Feixoo debullou que o país pechou o exercicio de 2019 cun déficit "entre o 0,09 e o 0,08%", por baixo da cifra de 0,1% autorizada polo Estado, executando o orzamento aprobado polo Parlamento da Galiza, "que incluíu como ingresos os preto de 200 millóns de euros da mensualidade do IVE do ano 2017".

No caso da débeda pública, Feixoo manifestou que "2019 pechouse cunha ratio de débeda/PIB do entorno do 17,5%, sensibelmente por debaixo do tope autorizado do 17,9%", o que supón unha redución de "entre 30 e 34 millóns" na débeda pública galega "a pesar das tensións de tesourería".

Aos tribunais polo IVE

O Consello da Xunta tamén aprobou o requirimento ao Estado para que devolva os 204,7 millóns de euros que adebeda a Galiza en concepto do IVE de decembro 2017. Se nun mes non hai resposta, ou esta é negativa, "levaremos ao Goberno estatal aos tribunais", incidiu Feixoo, a través dun recurso contencioso-administrativo. "Queremos que recoñeza a existencia do desfase financeiro; que se compense a Galiza por ese desfase e que se abonen, así mesmo, os intereses da débeda", indicou, para engadir que "isto non teña nada que ver co cómputo que poida facer Facenda do déficit público" para os territorios.  

Mañá o Goberno galego asistirá á reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira en Madrid e levará esta demanda, aínda que non figura na orde do día. "Imos a traballar con rigor, non de palmeiros", manifestou Feixoo. O BNG xa solicitou no Congreso que compareza a ministra de Facenda para reclamarlle estes cartos "de todas as galegas".

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube

Comentarios