Sesión de control

Feixoo acusa a oposición de "cinismo" por pedirlle que explique as propostas da Xunta fronte á crise industrial

A crise industrial centrou a sesión de control no Parlamento ao presidente. Un presidente que, ante a enumeración pola oposición dos sectores industriais en graves dificultades, respondeu botando man, nun recurso habitual nel,  daquilo de que a culpa é do Goberno español.

Alberto Núñez Feixoo na sesión de control ao Goberno galego deste 14 de abril
photo_camera Alberto Núñez Feixoo nuna sesión de control ao Goberno galego

Coincidiron os portavoces de BNG e PSdeG en traer á sesión de control ao presidente que esta cuarta feira tivo lugar no Parlamento a crise industrial que padece Galiza e que se manifesta, indicaron, en fechamento de empresas e perda de postos de traballo. Unha crise, como indicou Ana Pontón, que a pandemia da Covid puido agravar, máis que vén de antes desta. “Os datos son devastadores para a economía galega”, subliñaba Gonzalo Caballero. Mais Núñez Feixoo xa traía a resposta preparada, que máis unha vez foi o comodín de negar calquera responsabilidade no que acontece na Galiza e poñer o dedo acusador no Goberno central.

Endesa, As Pontes, Vulcano, Xeal, Alcoa, Poligal... nomes de empresas que fecharon ou en dificultades ían saíndo no debate. “Non foi quen de salvar ningunha empresa”, reprochoulle Ana Pontón, que indicou que “en 12 anos que leva de Goberno o máis destacado que fixo foi o crac de Pemex”.

Pola súa banda, Caballero acusou o presidente de “ter a mesma credibilidade cando fala de economía que cando o fai do estado de alarma”. E puxo en dúbida a aposta do Goberno galego nos fondos Next Generation, ao indicar que despacharon esta cuestión como se fose “unha asemblea da comunidade de veciños”, nunha afirmación que anoxou a Feixoo.

Os Next generation tamén foron mencionados por Ana Pontón, que lamentou que a Xunta estivese a perder a oportunidade de deseñar en base a eses fondos unha aposta por un novo modelo económico. Tampouco gostou o presidente do reproche e acusou o BNG de querer desindustrializar Galiza e de “liderar” as plataformas veciñais que se opoñen ao plan eólico da Xunta.

Mais a cerna das respostas de Feixoo estiveron en desbotar calquera responsabilidade do Goberno galego no que acontece na industria do país. “Non vou asumir responsabilidades de decisións que non son nosas”, dixo. “Os responsábeis da situación son PSOE e BNG, por esta orde”, proseguiu.

“(O que acontece) nesas empresas é responsabilidade do Estado, botarnos a nós a culpa é un acto de cinismo”, concluíu.

A portavoz do BNG deulle a réplica: “Un presidente da Galiza que di que non ten nada a ver coa crise na Galiza, que non teñen responsabilidade en nada do que acontece na Galiza. Entón, para que serven? Feche o despacho e marche para casa”.

O presidente optou por non facer acuse de recibo e botou man da vella estratexia de sinalar o Bloque como “os do non”, acusándoo de se opor a todo proxecto industrial canto hai na Galiza. Ao tempo, atacou Gonzalo Caballero sinalando que estaba “a facer o ridículo” coas súas preguntas pois, reiterou, a culpa da crise industrial na Galiza era do Goberno español, ergo, do PSOE. Mais unha vez nunha sesión de control, o presidente da Galiza nega calquera responsabilidade sobre o que acontece na Galiza.

Comentarios