Feixoo presenta un plan de reactivación entre críticas por non actuar ante a crise

A Xunta ten previsto aprobar esta mañá un plan de reactivación económica para facer fronte á crise. As expectativas da oposición sobre as medidas que anuncie hoxe o Goberno galego son case nulas, e acusa o presidente Núñez Feixoo de manter os "brazos cruzados" ante a crise. 
O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, ao remate da reunión do comité de expertos económicos da Xunta (Imaxe: Arxina)
photo_camera O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, ao remate da reunión do comité de expertos económicos da Xunta (Imaxe: Arxina)

Os grupos parlamentarios da oposición coinciden en reclamar á Xunta medidas efectivas para afrontar a fonda crise económica que o país atravesa por mor do coronavirus e critican o Goberno galego por adoecer de "falla de iniciativa" e por "limitarse a non facer máis que matizar" as iniciativas do Executivo español. 

Así, a oposición non ten moitas expectativas sobre o plan de reactivación económica que o Consello da Xunta ten previsto aprobar na mañá de hoxe. O plan, segundo explicou o presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, prestará especial atención “os sectores máis afectados pola crise como o turismo, o comercio, a hostalería e a automoción”. 

O anuncio da aprobación desta folla de ruta económica da Xunta realizouno onte Feixoo, após reunirse co comité de expertas e expertos económicos que formou o Executivo galego. Precisamente foi este comité o que elaborou as bases do plan, segundo indicou a Xunta. O presidente avanzou que o relatorio contempla ofrecer microcréditos a pequenas e medianas empresas e profesionais por conta propia para paliar os efectos da crise. 

O PSdeG pon un horizonte máis verde e dixital

No PSdeG critican a "parálise" de Feixoo en materia económica e lamentan que, a diferenza doutros Gobernos territoriais, o galego non convidase os partidos nin os axentes sociais a participar da elaboración do programa que hoxe se aproba. 

"O comité de expertos é designado polo propio Feixoo e traballa a petición da Xunta. Hai empresariado, por exemplo, mais non hai representantes de sindicatos, o cal xa indica a existencia dun desequilibrio", sinala o presidente do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga a Nós Diario. As claves da reactivación están, para Leiceaga, en "dinamizar a economía sen deixar ninguén atrás, primar o investimento que crea emprego de calidade, e incidir en medidas que afecten a formación para o emprego e a xeración de valor engadido". 

O presidente do PSdeG resalta ademais a existencia "dun deseño europeo para unha transición a unha economía máis verde e dixital". A ese respecto, considera que as medidas económicas que se impulsen desde a Galiza han de ir neses mesmos parámetros. 

O BNG quere primar a innovación e o traballo digno

"O Goberno galego vai tarde e a remolque" doutras Administracións e "non toma ningunha medida excepcional para a gravidade da situación actual", resalta a Nós Diario a deputada do BNG e coordinadora de programa electoral, Olalla Rodil. 
"Precisamos medidas urxentes para paliar a situación dos sectores prexudicados pola crise, mais tamén este momento ten que ser un punto de inflexión de cara ao futuro", di Rodil, facendo énfase na necesidade de primar a innovación, o desenvolvemento e a xeración de valor engadido. 

A líder do BNG, Ana Pontón, xa avanzou que a primeira medida que adoptará, no caso de presidir Galiza, será "promover un grande acordo cos axentes económicos, sociais e políticos para sacar adiante Galiza". Para rescatar a economía e potenciar o emprego o Bloque propón a derrogación da reforma laboral e a adopción de medidas para mellorar as condicións laborais das autónomas e autónomos, para quen o BNG pide a posta en marcha dunha axuda de pago único de até 2.000 euros.

O nacionalismo tamén defende “un marco flexíbel” para ter máis recursos á hora de incorrer en déficit e débeda; que sexa a Galiza quen xestione directamente os fondos europeos que lle corresponden, a mobilización de recursos estatais concretada na creación dun fondo extraordinario dirixido á loita contra a COVID-19; un novo modelo de financiamento “que permita ao país ter a chave dos seus cartos”; e unha tarifa eléctrica para que esa riqueza beneficie a familias e empresas do país.

Urxen ademais a recuperar "os 60.000 millóns de euros do rescate bancario na anterior crise, fundamentais agora para sacar o país adiante”.

Reino defende unha renda mínima galega

O voceiro e candidato á Presidencia da Xunta, Antón Gómez-Reino, sinala a Nós Diario tres elementos "de choque" que o próximo Goberno galego debe abordar.

O primeiro é estabelecer unha renda mínima galega, complementaria ao Ingreso Mínimo Vital aprobado polo Executivo estatal, "para combater os recortes de Núñez Feixoo". Reino prioriza a posta en marcha dun plan de recuperación do tecido industrial galego, pois "logo de anos de deslocalizacións, a economía galega precisa relocalizar o tecido industrial que xera valor engadido e empregos de calidade". O candidato tamén pon "o reto" na vivenda, e promete "que todas e todos os menores de 30 anos que queiran emanciparse poderano facer no primeiro ano de lexislatura do Goberno progresista". 

En Marea reivindica decidir sobre os orzamentos da UE

O coportavoz de En Marea, Pancho Casal, indica a Nós Diario as prioridades para a economía do programa da Marea Galeguista, a coalición coa que a súa formación concorre. Para Casal, todas as estratexias económicas teñen que ir encamiñadas a mitigar a crise económica e climática.  

Nese sentido demanda que, dos orzamentos da UE destinados ao Estado español, 22.000 millóns de euros sexan para a Galiza, e reivindica o dereito a decidir sobre estes recursos, para empregalos no desenvolvemento das necesidades produtivas, cunhas premisas transversais: garantir os servizos públicos, unha transición ecolóxica xusta e crear emprego.

Comentarios