Análise

Feixoo prégase a Casado e renuncia a novas competencias para a Galiza

O PP cambiou de rumbo nas súas demandas en cuestión de semanas.
Pablo Casado con Alberte Núñez Feixoo, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Pablo Casado con Alberte Núñez Feixoo, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Nós Diario)

A última reunión da Xunta de Portavoces do Parlamento da Galiza serviu para certificar a negativa dos populares a demandar as transferencias de tráfico. A decisión, adiantada o pasado 10 de maio polo secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, tras reunirse con representantes das asociacións da Garda Civil, significa unha viraxe coa alternativa defendida por esta formación nos dous últimos anos.

De feito, a súa abstención na Cámara galega permitira tramitar e despois aprobar a solicitude desta competencia ao Estado.

A historia da reclamación das competencias de tráfico exemplifica a lóxica do xogo partidario na Galiza e a capacidade real de decisión das forzas políticas de obediencia estatal. Á volta de 2008, o Parlamento galego aprobou por unanimidade unha iniciativa instando o Estado a transferir esta materia á Xunta, mais naquela altura o PSOE, con José Luis Rodríguez Zapatero no Goberno, votou en contra no Congreso, absténdose o PP dun Mariano Raxoi na oposición.

Unha década máis tarde, concretamente en 2019, a Cámara galega, a proposta dos socialistas e coa abstención dos populares, deu luz verde á tramitación deste proxecto, avalando unha nova solicitude destas competencias en abril de 2021.

Feixoo: cero competencias

O cambio de rumbo do PP galego nas últimas semanas cuestiona a sinceridade das posicións mantidas por Feixoo na longa precampaña das elección galegas. O presidente da Xunta afirmaba en abril de 2019 que “a Galiza acumula un atraso nos traspasos como resultado da difícil conxuntura económica” e reclamaba “o mesmo trato para a Galiza que para Euskadi”, que viña de recibir 30 novas competencias como resultado das conversas entre o PNV e Pedro Sánchez. Na mesma liña, en diversas comparecencias públicas durante a pandemia, defendeu a necesidade de contar “con medios policiais propios” e lamentou que “nun estado de alarma, o responsábel do estado de alarma non teña corpos e forzas de seguridade”.

A negativa dos populares galegos a reclamar as transferencias lígase coa posición mantida desde 2009 por Feixoo. O Executivo galego non negociou o traspaso de ningunha competencia nos últimos 12 anos, prescindindo de continuar a tramitación daquelas acordadas en 2008 polo Goberno galego e español referidas á Inspección de Traballo, á titularidade patrimonial dos bens da Tesourería da Seguridade Social ou aos centros de investigación do Estado con sede na Galiza. Na mesma liña, explícase a paralización da aplicación da Lei de policía da Galiza de xuño de 2007, que desenvolve o artigo 27.25 do Estatuto de Autonomía de 1981, onde se estabelece como competencia exclusiva “a creación dunha Policía Autónoma de acordo co que dispoña a Lei Orgánica prevista no artigo 149.1 da Constitución”.

A renuncia a asumir as competencias nesta materia e a posición mantida en relación coa asunción de novas transferencias dá conta da irrelevancia do PP galego a nivel de Estado e sitúao na liña ideolóxica de Pablo Casado. A este respecto, a alternativa defendida nesta terza feira no Parlamento polos populares respondeu á idea formulada en abril de 2019 por Casado, quen non dubidou en sinalar que “España non pode transferir máis competencias ás comunidades autónomas”, porque “isto xa non se aguanta. Somos o país máis descentralizado da nosa contorna. Non hai que reforzar as autonomías, sobre todo as desleais, senón reforzar o Estado. Hai que reforzar a nación”. 

Comentarios