Feixoo: "O PP de Ourense está disposto a que a cidade teña un goberno"

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feixoo, amosa a disposición do partido que lidera a pactar unha nova coalición de goberno con Gonzalo Pérez Jácome, líder de Democracia Ourensá (DO). Así o trasladou nesta segunda feira nun acto da directiva dos populares de Ourense.
Feixoo nun acto da directiva do PP en Ourense. (Foto: PPdeG) #feixoo #ourense #ppdeg #pp #ourense #baltar #jácome #pacto
photo_camera Feixoo nun acto da directiva do PP en Ourense. (Foto: PPdeG)

O Goberno municipal de Ourense parece gañar estabilidade por momentos desde que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensá), anunciara que estaba en conversas para reactivar o pacto co PP. O partido que fora socio até setembro recoñeceu este achegamento e nesta segunda feira, o seu líder, Alberto Núñez Feixoo, confirmou nunha visita á cidade que "o PP de Ourense está disposto a que a cidade teña un goberno".

Malia que Pérez Jácome perdeu a cuestión de confianza e está en funcións durante un mes -coa moción de censura como posibilidade remota-, esta afirmación, feita polo presidente do Partido Popular galego no marco dunha xuntanza coa directiva provincial, con Manuel Baltar á cabeza, deixou bastante claro o respaldo galego a que haxa novamente un Executivo compartido que permita sacar adiante os grandes temas pendentes na terceira cidade de Galiza en número de poboación.

De feito, Feixoo respondeu así após Pérez Jácome enviase unha misiva invitando aos seus ex socios ao regresar ao seu lado, pois agora dirixe o Concello cun grupo de tres persoas entre as que está el mesmo.

"Imos tentar darlle estabilidade á cidade", incidiu o líder popular, recoñecendo que "Ourense está nunha situación manifestamente mellorábel".

"Non se pode gobernar a terceira cidade da Galiza con tres concelleiros", reflexionou, aludindo a situación actual despois de que o rexedor rompera mesmo cun colectivo de concelleiros do seu propio partido (agora no grupo de non adscritos liderado por Miguel Caride).

Iso si, o representante de DO xa dixera hai unhas semanas que as condicións dese regreso á convivencia no pazo consistorial non serían as mesmas que antes da ruptura. De feito, na carta a proposta iría ligada a "varias condicións" como que apoien a creación dun parque acuático ou un centro de intelixencia artificial.

O PP, fundamental

"Se somos útiles, se se recupera a estabilidade no goberno, estamos dispostos a falar cos tres concelleiros de DO e o alcalde", comentou Feixoo. "Evidentemente, se o alcalde non quere falar ou pensa que isto se pode facer sen a concorrencia do Partido Popular de Galicia, pois iso non sería posible", engadiu.

Así o demostrou a formación política cando se abriu o camiño da moción de censura, pois non se chegou a un acordo co PSOE para apear ao rexedor. A disputa entre ambos partidos estivo servida pola figura do portavoz do PSOE local, Rafael Villarino, ao que os populares querían fóra de todos os seus cargos para ir adiante co acordo.

Comentarios