Feixoo pospón sen data a reunión solicitada pola oposición sobre a crise

O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, defendeu hoxe no pleno da Cámara galega pospor a reunión coa líder do BNG, Ana Pontón, e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, até que se feche a comisión parlamentar de reactivación económica e social.
O presidente da Xunta, Núñez Feixoo, a líder do BNG, Ana Pontón, e o do PSdeG, Gonzalo Caballero, no pleno do Parlamento (Fotos: Arxina).
photo_camera O presidente da Xunta, Núñez Feixoo, a líder do BNG, Ana Pontón, e o do PSdeG, Gonzalo Caballero, no pleno do Parlamento (Fotos: Arxina).

A pasada semana Ana Pontón solicitou por carta ao presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, sentar e falar nunha reunión para abordar a situación actual da Galiza e a saída á crise social, sanitaria e económica, así como o horizonte poscovid. Tamén Gonzalo Caballero urxiuno a manter unha reunión "a tres", na que participasen el, o titular da Xunta e Pontón. 

Porén, Feixoo optou esta terza feira, 9 de marzo, por dar largas á petición da oposición e agardar a que conclúa a comisión de reactivación, co obxectivo de non alterar un "formato" xa acordado nin "faltar ao respecto" á trintena de comparecentes que pasaron por ela, segundo dixo esta terza no pleno do Parlamento galego.

Caballero interpretou a resposta de Feixoo como unha marcha atrás en relación ás súas manifestacións da semana pasada, cando afirmou que estaba disposto a reunirse coa oposición. "É necesario que o PP baixe do pedestal, que deixe de estar preocupado por Pablo Casado e Luis Bárcenas, e fale coa oposición. Non é momento de ensimesmarse na súa maioría absoluta", espetou o socialista. 

Reivindicación feminista

O ronsel do 8-M repercutiu nun pleno en que Pontón e Feixoo contrapuxeron datos e posicións en relación á igualdade, e ás súas respectivas posturas políticas sobre as manifestacións feministas que percorreron Galiza.

De facto, Pontón iniciou a súa intervención cunha mensaxe de agradecemento ao feminismo galego pola mensaxe de "reivindicación e responsabilidade" que lanzou o 8-M nas rúas. Ao tempo, alertou da "involución" na igualdade, por exemplo, no ámbito laboral, e expuxo as súas propostas, empezando pola necesidade dun plan de emprego feminino. "15.600 mulleres pasaron a realizar coidados no fogar, porque así é como suple a falta de servizos públicos o Goberno galego, con traballo de balde e sen dereitos das mulleres”, exclamou a líder do Bloque, apuntando que "oito de cada dez postos de traballo destruídos estaban ocupados por mulleres", recordando ademais que "continúa a fenda salarial con 4.527  euros menos de media anual".

A nacionalista tamén exixiu á Xunta traballar nun novo modelo de coidados "que permita crear unha rede pública suficiente para conciliar", e demandou que se exclúa da contratación pública as empresas condenadas por discriminación laboral.

A continuación criticou o PP e a Xunta: "Non imos esquecer que a súa gran contribución foi usar a figura de Pardo Bazán para branquear o franquismo", advertiu, acusando os populares de tamén "cuestionar" o dereito das mulleres para manifestarse e de "pactar coa ultradereita", en alusión a Vox.

Pola súa banda, Feixoo, que tivo palabras de recordo ás vítimas da violencia machista, acusou o BNG de "patrimonializar" a igualdade e reivindicou a "contribución" do PP nesta materia ao longo de "30 anos". Rexeitou ademais que o seu Goberno estivese en contra de que houbese manifestacións. Con todo, posteriormente, a deputada nacionalista Olalla Rodil recordou no pleno que o popular Jaime Olano, deputado por Lugo no Congreso, pediu ao Goberno estatal a prohibición por lei de todas as manifestacións do 8-M. 

Bonificacións na AP-9

Durante o pleno, Caballero afeou que "non contestase" a súa pregunta sobre a posibilidade de que a Xunta achegase recursos das arcas galegas para poder facer un acordo amplo de rebaixa de peaxes na AP-9, ao que Feixoo respondeu que esa cuestión a abordará hoxe co ministro de Transportes, Jose Luis Ábalos, na reunión que ambos manterán en Madrid. Iso si, remarcou que a Xunta non vai bonificar as peaxes dunha autoestrada estatal. Unhas portaxes, dixo, que o Goberno español debe "cumprir o compromiso de rebaixar", para logo abordar a transferencia desa infraestrutura a Galiza.

O socialista aproveitou o debate para denunciar falta de concreción na comisión parlamentar de reactivación sobre os plans da Xunta para a captación dos fondos europeos Next Generation e tachou o centenar de proxectos anunciados polo Executivo galego de "fake news". Feixoo replicou que 40% destes proxectos xa foron "presentados a Ministerios". "E vostede nin o sabe", lamentou.

Comentarios