Feixoo participa na concentración españolista de Francisco Vázquez

O presidente da Xunta de Galiza participou, xunto con outros altos cargos do PP, na convocatoria do ex alcalde da Coruña, Francisco Vázquez, nun acto “en defensa da Constitución” no que manifestou que a española é "a nai de todas as bandeiras".

Twitter @Xoelferreiro_
photo_camera [Imaxe: @Xoelferreiro_] Vista dos manifestantes na praza de María Pita

A praza de María Pita da Coruña acolleu un acto “en defensa da Constitución e en apoio aos cataláns constitucionalistas” que congregou un máximo 300 persoas.

Twitter @beaMato_corunaPromovida polo ex alcalde Francisco Vázquez, coñecido polo seu antigaleguismo, a organización pedía levar bandeiras españolas e vetaba as galegas nunha concentración paralela á convocada polo ultraespañolismo en Catalunya, todo na mesma semana en que unha froiteira resultaba agredida por un antinacionalista na propia Coruña por vender peras procedentes de Catalunya.

Entre os asistentes estaban numerosos políticos en activo do Partido Popular como o presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feixoo; a concelleira coruñesa Beatriz Mato; o deputado Gonzalo Trenor ou o secretario Xeral do PP, Miguel Tellado.

Alí tamén se puido albiscar políticos conservadores xa retirados, como a tamén convocante Nona Inés Vilariño, ex deputada da Unión de Centro Democrático (UCD), ou Ángel, o antidisturbios ferido nas protestas de Barcelona. 

Feixoo “lamenta” que Sánchez non se unise aos españolistas

En declaracións aos xornalistas, Feixoo lamentou que o presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, non aproveitase a súa presenza na cidade herculina -para participar nun acto do PSOE- para asistir á concentración e reivindicar "a Constitución, a liberdade, a convivencia e a nación española".

Ademais, sinalou que "sería bo que algúns políticos actuais escoitasen máis a Vázquez que a Torra e máis aos constitucionalistas que aos independentistas".

Pola súa banda, Francisco Vázquez reinivicou a “vixencia” da Constitución española, manifestou que a bandeira española “é a nai de todas as bandeiras”, e apelou á “honra” como nación de España.

Comentarios