Feixoo non move ficha na suba da luz e pide á Moncloa que "empece a acertar"

Alerta do impacto da factura nas familias, empresas e fábricas.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, na reunión semanal do Consello do Goberno galego. (Foto: Arxina)
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, na reunión semanal do Consello do Goberno galego. (Foto: Arxina)

Após de nesta semana o PP rexeitar no Parlamento a iniciativa nacionalista que solicitaba bonificacións fiscais na factura da luz para as galegas e galegos por ser Galiza produtora e excedentaria de enerxía eléctrica, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, limitouse quinta feira a solicitar ao Goberno español que "empece a acertar" co seu plan de reducir os beneficios ás empresas eléctricas co fin de baixar a factura da luz. 

Con todo, o mandatario preguntouse se a medida estatal non suporá "dar unha patada cara a adiante" ao problema e que esta se traduza en pagar máis no futuro. Nese sentido dubidou de que se trata dun "parche" para tratar de ocultar a "inacción" do Executivo no último semestre.

Así se pronunciou hoxe ante os medios, ao remate da reunión semanal do Consello do Goberno galego. "O que queremos é que o Goberno [español] acerte. Nada nos gustaría máis", manifestou, á vez que alertou dos problemas que supoñen as elevadas tarifas eléctricas non só para a cidadanía senón tamén para as empresas, as fábricas e o comercio. Non en balde, volveu afear a política enerxética "desordenada" do Executivo estatal.

Dous discursos contraditorios na Xunta

Feixoo manterá esta sexta feira un encontro coa vicepresidenta segunda do Goberno español e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, en que aproveitará, segundo anunciou, para afondar na axenda económica de asuntos de interese para a Galiza e para abordar a "crise industrial" que, co foco en Alcoa, Alu Ibérica, Ence (ao que a Xunta se nega a buscar emprazamento alternativo ante o feche obrigado pola xustiza) e o futuro das centrais das Pontes e Meirama, fai perigar uns "15.000 empregos".

Esta exposición de Feixoo sobre a crise industrial que atravesa a Galiza e que anunciou que exporá a Yolanda Díaz, contradí o sostido mesmo polo vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde. Precisamente, o conselleiro puxo hoxe en valor diante da ministra de Economía Nadia Calviño a "capacidade de resistencia" da industria da Galiza durante a pandemia e a súa vontade de seguir "innovando". Un escenario moi afastado da desertización industrial que afecta o país e que recoñeceu Feixoo. 

Robots cirúrxico Da Vinci

Noutra orde, o Consello da Xunta autorizou esta quinta feira o investimento de 35,2 millóns de euros para que as sete áreas sanitarias galegas conten co material funxíbel necesario para o funcionamento dos robots cirúrxicos Da Vinci.

Estes robots teñen múltiples vantaxes no estritamente cirúrxico xa que melloran a destreza nas intervencións laparoscópicas, ademais de incrementar a precisión e facilitar os movementos do especialista. Ademais, para as e os pacientes supoñen unha maior seguridade e calidade e, no que respecta aos hospitais, reducen a estadía postoperatoria.

Vacinación sen cita

A Xunta volve habilitar a vacinación contra a Covid-19 sen cita nos centros masivos galegos durante hoxe e na mañá do próximo domingo (de 9 a 15 horas).

Ademais, para esta sexta, sábado e domingo pola mañá habilitaranse autocitas para a primeira dose.

Comentarios