Feixoo non investiu 1.400 millóns de fondos europeos

As axudas correspóndense co período 2014-2020
Alberto Núñez Feixoo nunha imaxe de arquivo. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo nunha imaxe de arquivo. (Foto: Xunta da Galiza)

A xestión dos fondos comunitarios por parte do Goberno galego segue a xerar polémica. Segundo vén de denunciar a portavoz do BNG para temas europeos, Ana Miranda, o Goberno galego deixou de executar no anterior Marco financeiro plurianual 2014-2020 1.400 millóns de euros adxudicados á Galiza.

Miranda considera que “é unha total irresponsabilidade que o Executivo galego non invista até o último euro que vén de Bruxelas” e pono como exemplo dun “Goberno ineficaz e pouco fiábel”.

Nesta liña, entende como “terríbel” que Feixoo vaia a Bruxelas “a presumir de xestión cando a realidade é que non sabe que facer cos cartos que recibe” da UE. 

A dirixente nacionalista tamén cuestionou o emprego destas liñas de axuda pola Xunta da Galiza.

“A xestión e a execución levadas a cabo polo Goberno galego para a aplicación e posta en marcha dos fondos estruturais e de investimento europeos a través do Plan estratéxico Galiza 2014-2020 xa deixou ver esa falla de transparencia e a falla do estado contábel da Xunta e seus organismos autónomos”, afirmou Miranda.

Críticas do Consello de Contas

A  xestión dos fondos comunitarios por parte do Goberno foi tamén recentemente obxecto de críticas por parte do Consello de Contas. O organismo fiscalizador denunciou o pasado mes de xullo atrasos na posta en marcha e execución dos programas operativos con fondos procedentes da Unión Europea, “dando lugar a que se sigan efectuando reasignacións financeiras entre distintos exercicios” e demandou  “mellorar os índices de execución do financiamento europeo”, para achegalos aos cocientes da execución xeral do orzamento.

O estudo indicou que ao longo do exercicio de 2019 contabilizáronse baixas de crédito por valor de 346,77 millóns. O día 31 de decembro de 2018 documentáronse baixas por importe de case 173,94 millóns, “xustificándose as mesmas como remanentes de crédito non comprometidos a 31 de decembro para a súa reprogramación en exercicios posteriores”. 

As deficiencias no funcionamento dos programas europeos na Galiza abren novas incógnitas cando o Estado agarda o primeiro tramo das liñas de asistencia financeira recollidas no plan Next Generation

Comentarios