Parlamento

Feixoo non aclara se vai aplicar a censura educativa

O presidente da Xunta intentou algo similar contra o galego na escola, unha iniciativa que botou abaixo o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza
Feixoo, Cs e ex líderes do PSOE apostan pola ‘gran coalición’

O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, evitou esta segunda feira situarse sobre se é partidario de implantar o verto parental ou censura educativa promovida pola ultradereita na educación galega. "Supón banalizar temas complexos e politizar e adoutrinar temas educativos", manifestou após apelar a abordar o asunto con "acougo".

Feixoo criticou a "contundencia" que, dixo, mantén o Goberno estatal contra a implantación da censura educativa en Murcia e mostrouse "sorprendido" ante a "ameaza do Executivo estatal de intervir a educación" neste territorio.

Mentres, os partidos da oposición demandáronlle concreción. "Que diga claramente se está a favor", incidiu o portavoz do PSdeG, Gonzalo Caballero, quen instou o PP a aclarar se "seguirá xogando a ser ese bastón de apoio" de Vox ou se vai ser "capaz de abandonar os pactos coa ultradereita e apostar pola modernidade e a centralidade".

Pero esta censura non é nova.  O portavoz de En Marea, Luís Villares, lembrou que unha manobra similar foi prohibida no país mediante catro sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) ditadas no ano 2012 ante o intento do PP de que fosen os pais e non a Administración quen decidise en que lingua se impartían as materias troncais. "Nesta ocasión os tribunais trouxeron o sentido común que lle faltou a Feixoo", sinalou Villares, que levará ao Parlamento unha iniciativa desde o Grupo Mixto para que todos os grupos teñan que pronunciarse sobre isto.

Da mesma maneira que o fará o Grupo Común da Esquerda na Cámara galega, que salientou que é preciso saber "de que lado está" o presidente da Xunta. A súa portavoz Luca Chao insistiu en que "se Feixoo necesita pactar con Vox vaino facer".

O TSXG determinou daquela que a Xunta estaba a vulnerar a configuración do dereito fundamental á educación, recollido na Constitución do Estado. "O veto parental ou veto neardental xa o inventara Feixoo para atacar a lingua galega e impedir que se puidese desenvolver con normalidade no ensino. É sempre un precursor das ideas da extrema dereita e iso que quere ir de moderado", trasladou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen salientou o dereito dos nenos e nenas "a ter unha educación inclusiva na que se ensinen valores".

Pontón subliñou que se Feixoo non concorda coa liña que segue o seu partido pode "romper o carné" por "decencia política" e que, se non o fai, está a dar "os seus parabéns a esta deriva extremista e españolista do PP".

Comentarios