Feixoo: "Non é o momento de ver o que se podería ter feito e non se fixo"

Pedro Sánchez confírmalle ao presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, que os cidadáns que non sexan orixinarios da Galiza "poden volver ao seu lugar de orixe" ou ficar.

O titular do Goberno galego durante unha videoconferencia co presidente do Goberno central mailos demais presidentes autonómicos [Imaxe: Europa Press].
photo_camera Núñez Feixoo durante a videoconferencia co presidente do Goberno central mailos demais presidentes autonómicos [Imaxe: Europa Press].

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, trasladou ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, a súa "lealdade" na aplicación do estado de alarma para frear o avance do coronavirus COVID-19 e púxose a disposición tanto das súas "instrucións" como das dos ministros de Sanidade, Defensa, Interior e Transportes, que terán amplos poderes en todo o Estado español.

Na rolda de prensa posterior á videoconferencia mantida este domingo co presidente Sánchez e co resto de líderes autonómicos, Feixoo incidiu en que "non é o momento de ver o que se podería ter feito e non se fixo, senón o momento de ver que poden seguir facendo xuntos".

Neste sentido, o titular da Xunta celebrou o ton "absolutamente construtivo" da reunión telemática, que serviu para aclarar dúbidas de carácter "técnico", e trasladou aos cidadáns a súa "confianza" en que agora se poida "combater mellor" e con "criterio único" esta crise sanitaria.

Ademais, Feixoo explicou que, tras a consulta tanto súa como do resto de presidentes de comunidades, Sánchez confirmoulle que eles "seguen sendo a máxima autoridade" en cada autonomía, aínda que dependendo tanto do Goberno como dos catro ministros con competencias ampliadas durante o estado de alarma.

"Isto non é unha cuestión, nin moito menos, de quen ten o poder. É unha cuestión de coordinarnos de maneira efectiva entre presidentes autonómicos e os ministros que asumiron o mando e o propio presidente do Goberno", incidiu.

Persoas de fóra da Galiza

Por outra banda, Feixoo trasladou ao presidente estatal a súa "preocupación" por aquelas persoas que, durante esta situación de alarma, se atopan en comunidades das que non son orixinais. "Haberá moitos cidadáns que se pregunten se poden volver ás súas casas".

Respecto diso, dixo que Sánchez confirmou que "calquera cidadán" nesta situación "pode volver ao seu lugar de orixe ou pode elixir se queda", aínda que "confinados" nos seus respectivos lugares de estancia, durante as restricións de movemento decretadas para os próximos 15 días.

Feixoo apelou a non estigmatizar "en ningún caso" a aquelas persoas que non residan na Galiza pero que se desprazaron a esta Comunidade nos últimos días. "Todo é novo para todos e até hai pouco non había instrucións tan claras", resolveu.

Comentarios