Feixóo, moita viaxe e pouco rendemento

A última viaxe internacional de Feixóo, a México, foi posta en cuestión pola oposición, que ve máis unha vez na axenda internacional do presidente pouca rendibilidade para o país, tanto en termos políticos como económicos. A isto hai que engadir o ocultimo que practica o goberno sobre custo e transfondo destes periplos. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respecto no Sermos Galiza 296.

feixoo
photo_camera [Imaxe: Xunta]

5O presidente da Xunta despregou nestes anos unha intensa axenda internacional, con viaxes que van da China ou o Xapón até a Arxentina, o Uruguai, Colombia ou o Perú; pasando por Alemaña, Cuba, Reino Unido ou Brasil. De misións comerciais a viaxes institucionais. Feixóo leva -sen contar os periplos internos polo Estado español- case unha vintena de viaxes polo estranxeiro como presidente. Nada que obxectar, a vertente exterior é fulcral para calquera administración, mais, cal é o rendemento destas viaxes? Hai algo máis aló da propaganda e (autopublicidade)?

A oposición móstrase moi crítica a respecto dos beneficios e proveitos destas viaxes do presidente galego. De feito, e a respecto da última que realizou o presidente, a inicios de maio, a México; solicitou a comparecencia de Feixóo. Algo, por certo, o de comparecer na Cámara galega tras cada viaxe, que era norma no anterior presidente, Pérez Touriño, e que Feixóo non tivo a ben manter.

“Intranscendente, improvisada e inútil”, cualifica esa viaxe o portavoz do PSdeG, Fernández Leiceaga, que mesmo afirma que serviu unicamente para “ampliar a súa axenda exterior de cara á súa carreira en Madrid”.
Pancho Casal, deputado de En Marea, fala de simple “viaxe turística” que tiña como única finalidade “dar titulares” mais sen contido real ningún.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, foi clara e contundente a respecto desa viaxe: “Un bluff”, dixo, “en termos políticos e económicos nin se entende nin se xustifica”, concluíu. 
 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 296 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios