Di non ter coñecido Pablo Crespo, embora ter sido o seu representante en Portos de Galiza

Feixóo aplica os códigos do PP e opta por fechar filas con Raxoi

O seu discurso é o de que non será o "Xudas" de Raxoi. Está na corda bamba o presidente do goberno após a sentenza da Gürtel e nas vésperas da moción de censura? A esta pergunta dos meios, Feixóo contestou esta terza feira: "Ao contrario". 

Cimeira Rajoy-Feijóo
photo_camera Raxoi e Feixóo nunha das visitas do presidente da Xunta á Moncloa

Feixóo non vai liderar abertamente un motín no PP contra Raxoi, embora o presidente do goberno atravese as horas máis críticas da súa carreira política após ser sinalado na sentenza da Audiencia Nacional sobre a Gürtel. O tribunal cuestionou a credibilidade do testemuño de Raxoi en sede xudicial e deu por probado que o inquilino da Moncloa cobrou en negro da caixa B controlada por Luis Bárcenas. Mais mesmo así a táctica do líder do PPdeG é a de fechar filas con Raxoi e non dar pábulo aos ruxe-ruxes de que estaría a intrigar entre bambalinas para, após un congreso extraordinario de refundación, ser coroado como o novo presidente do partido. Esta segunda feira, Elconfidencial publicou que Feixóo movera pezas no taboleiro -conversas con outros dirixentes territoriais- nese sentido. Fontes moi próximas ao político de Os Peares negaron esa información en declaracións a Sermos: "Utilizaron moitas veces o nome de Alberto para incordiar o presidente do goberno, mais ninguén poderá contar ningún episodio en que se poda deslizar o máis mínimo atisbo de movimento interesado en clave sucesoria por parte de Feixóo".

O roteiro de Monte Pío é, pois, o de aplicar sen fendas os códigos do PP, unha estrutura fortemente hierarquizada e piramidal en que o líder o é todo. Así foi con Fraga. Así foi con Aznar. E así o é con Raxoi. Na cultura do PP non hai marxe nengunha para o desafío ao xefe político máximo. Isto é o que se deduce das declaracións realizadas por Feixóo desde que se divulgou o contido da demoledora sentenza sobre a Gürtel. Todo o máis que fixo o líder do PPdeG foi abrir espazo para matices distintos ao argumentario trombeteado desde a Rúa Génova: a resolución xudicial da Audiencia Nacional debe causar vergoña a "calquera dirixente político" e, portanto, cómpre pedir desculpas "aos españois", afirmou esta segunda feira. Un discurso con perfil propio, moi distinto ao dun Rafael Hernando, por exemplo. Mais Feixóo apresouse a acompañar esta leve disidencia cunha declaración de lealdade a Raxoi: en 2006, lembrou, veu dicer nun congreso do PPdeG que el nunca sería o "Xudas" de Fraga. "Ese compromiso continúa a estar vixente 12 anos despois", alegou, desta volta en relacion ao presidente do PP e titular do goberno español.

Significa todo isto que Feixóo non está na carreira por relevar Raxoi? Non, o único significa é que Feixóo sabe que no PP só pode chegar ao topo da pirámide quen asume a cultura de non desautorización da máxima maxistratura do partido.

Feixóo sabe que no PP só pode chegar ao topo da pirámide quen asume a cultura de non desautorización da máxima maxistratura do partido

Esta terza feira, Feixóo voltou a lidar co asunto Gürtel en declaracións aos meios. Nelas continuou a se mover nas coordenadas comunicativas que preparou coa súa equipa de asesores. Apoio sen fendas a Raxoi. "Está na corda bamba?", inqueríronlle. "Ao contrario", respondeu. E sobre os condenados pola Gürtel -entre eles, o ex secretario de Organización do PPdeG, Pablo Crespo- afirmou que o mellor para o PP tería sido nen os ter coñecido nen os ter tido como "compañeiros de viaxe". Foi aí cando deslizou unha das súas máis características liñas discursivas, a de marcar distancia con boa parta da época de Fraga como máximo dirixente do PPdeG: "Eu tiven a sorte de non os coñecer [os condenados pola Audiencia Nacional], mais asumo a responsabilidade de ser do PP desde o ano 2000". 

Fraga gobernou a Xunta desde 1989. Pablo Crespo foi nomeado secretario de Organización desde 1995. Feixóo finxe agora non coñecer a este último. Só hai un pequeno detalle que ranxe no discurso do inquilino de Monte Pío: Crespo -condenado a 37 anos de prisión pola Gürtel- foi o representante da Consellaría de Política Territorial no consello de administración de Portos de Galiza durante o período 2003-2005. E o titular dese departamento gobernamental nesa altura foi Feixóo. O presidente da Xunta nunca explicou convincentemente por que non destituíu Crespo do seu cargo. Tivo que chegar o bipartito en 2005 para que o cesamento se producise.

Comentarios