Encontros entre Xunta e concellos

Feixoo e Jácome reúnense entre eloxios uns meses após cualificárense de “gobernantes letais”

“É o político máis interesante co que me reunín", afirmou o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome sobre o presidente da Xunta de Galiza. Feixoo acolleu de bo grao as propostas políticas do alcalde ourensán tan só uns meses após telo cualificado de “rexedor letal para Ourense”. Culmina así a primeira reunión pública entre ambos os dous.
Feixoo e Jácome na xuntanza na sede da Xunta en Ourense
photo_camera Feixoo e Jácome na xuntanza na sede da Xunta en Ourense

Máis de dúas horas durou o encontro entre o presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feixoo, e o alcalde de Ourense Gonzalo Pérez Jácome, sendo este rexedor a quen máis tempo dedicou o presidente, polo momento, na súa rolda de contactos após conformárense as novas corporacións municipais.

"Desde o punto de vista do entendemento institucional, a relación ten boa pinta", asegurou o presidente

"Desde o punto de vista do entendemento institucional, a relación ten boa pinta", asegurou o presidente, mentres que Jácome se referiu a Feixoo como “o político máis interesante co que me reunín". Segundo afirmou Jácome, el mesmo “aproveitou” tamén para pedir "consellos de xestión" a Núñez Feixoo e amosouse "compracido" coas respostas recibidas. As palabras de recoñecemento do un cara ao outro chegan tan só uns meses após Feixoo ter cualificado Jácome como “un rexedor letal para Ourense”.

Para o presidente da Xunta os proxectos do alcalde tamén son “de interese e procedentes”

Para o presidente da Xunta os proxectos do alcalde tamén son “de interese e procedentes”, afirmou en referencia á construción dun parque acuático termal e ao impulso dun centro de intelixencia artificial. Así foi, que o rexedor ourensán asegurou atoparse "moi contento" co desenvolvemento da reunión “porque a Xunta gosta desas dúas propostas”, as cales ocuparon un lugar central no programa de DO. No caso do parque acuático, Feixoo precisou que é necesario concretar como levará a cabo a canalización das augas termais e coñecer a dimensión do mesmo.

Ambos os líderes abordaron tamén propostas da Xunta para Ourense

Este encontro prodúcese após o acordo acadado entre Democracia Ourensá e Partido Popular polo que Xosé Manuel Baltar recibiu os votos dos representantes de Jácome na Deputación de Ourense, garantindo así a continuidade do PP á fronte da institución provincial. Mentres, Gonzalo Jácome foi investido alcalde co apoio das e dos concelleiros populares, que ademais repartiron os postos na xunta de goberno local a igual parte entre ambas formacións.

Durante o encontro, ambos os líderes abordaron tamén propostas da Xunta para Ourense e que precisan do acordo de ambas institucións. Así, Jácome afirmou que "precisamos un novo Concello, debido á dispersión dos servizos, por tanto se o actual edificio da Xunta queda baleiro podería ser unha boa opción", sinalou.

Máis en POLÍTICA
Comentarios