Feixoo insiste na unidade de España e pecha campaña en Madrid

O presidente da Xunta viaxa a Madrid para arroupar a Casado no peche de campaña e o PP non fai acto final en Galiza.

Casado e Feixoo
photo_camera Casado e Feixoo

A campaña electoral das xerais basculou entre dous polos. Por unha banda fixo forza a reivindicación de democracia e o dereito dos pobos a decidir e, pola outra, a exaltación centralista e as promesas de afondar na unidade de España.

O presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feixoo, centrou os actos destas semanas en chamar á non división do voto de dereitas, en referencia aos bos resultados que prognostican os inquéritos a Ciudadanos e Vox.

O presidente da Xunta prefire acompañar a Pablo Casado en Madrid antes que fechar a campaña electoral no seu país

Seguindo a liña oficial do Partido Popular de pular aínda máis pola recentralización do Estado, Feixoo acode no último día de campaña electoral ao acto de feche de Pablo Casado en Madrid, deixando pois a Galiza sen ningún acto oficial do partido conservador.

O presidente da Xunta e máximo cargo do PP galego prefire así acompañar a Pablo Casado no madrileño WiZink Center antes que fechar a campaña electoral no seu país.

De feito, a última convocatoria aos medios en Galiza que realizou o PP foi esta sexta feira ao mediodía en Vigo, evento co que culminan o remate da súa carreira electoral na Galiza.

O discurso recentralizador marcou as intervencións de Alberto Núñez Feixoo nos mitins de campaña

O discurso recentralizador marcou as intervencións de Alberto Núñez Feixoo nos mitins de campaña, como no caso de Ourense, onde afirmou que “até os que teñen carné e cargos en Ciudadanos e Vox” deberían votar o Partido Popular no Senado “para que haxa unha maioría que apoie o 155”. No mitin da Coruña desta quinta feira tamén volveu chamar as persoas motivadas polos outros dous partidos da dereita española a votar polo PP , xa que “Partido Popular só hai un” a modo de chiscadela para que o votante rexeite imitacións.

Mentres tanto, a campaña chega ao seu remate, e os intereses das galegas e galegos, o que Galiza se xoga e as súas problemáticas continúan sen asomar cabeza nos discursos do presidente da Xunta, quen reiterou nos seus mitins que dar o voto ao PP é asegurar a aplicación para Catalunya do artigo 155 da Constitución.

Durante o que levamos de precampaña e campaña, o discurso recentralizador do PP tamén chegou ao pleno do Paramento, cun presidente da Xunta que optou por desdicirse reiteradas veces, primeiro apostando por conquerir mesmas competencias ca Euskadi e Catalunya para ao día seguinte apuntarse ao discurso de Casado e o programa do PP que avoga por unha moratoria ás transferencias e non ceder ningunha máis.

Comentarios