Os camiños de Feixoo

Feixoo falará do seu futuro “cando considere oportuno"

O presidente da Xunta de Galiza quere centrarse no seu compromiso de “gobernar” e non fará públicas outras opcións posíbeis de futuro até que el e o seu partido “consideren oportuno”.

[Imaxe: PPdeG] Pablo Casado e Alberto Núñez Feixoo
photo_camera [Imaxe: PPdeG] Pablo Casado e Alberto Núñez Feixoo

“O meu compromiso é gobernar Galiza”, afirmou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, após a xuntanza do Consello de Goberno do executivo galego. Respostou desta maneira as preguntas dos medios sobre os camiños que valora escoller no futuro. Asegurou o presidente galego que cando el e o seu partido consideren "oportuno" farán públicas as "posíbeis opcións".

“Se hai un goberno que pode gobernar neste momento é o de Galiza”, afirmou Feixoo

“Se hai un goberno que pode gobernar neste momento é o de Galiza”, afirmou Feixoo para evitar máis preguntas sobre o seu futuro inmediato no PP, e argumentou o seu poder executivo ante “un goberno central en funcións a efectos prácticos desde hai un ano” e con “8.000 concellos no Estado sen alcaldía e 12 comunidades autónomas sen goberno”.

Neste sentido, criticou o goberno de Sánchez “por non dar sinais de vida” en alusión á débeda da anualidade de IVE e que o presidente cifrou en máis de 200 millóns de euros, unha cifra que valorou “importantísima" para poder confeccionar os orzamentos galegos de 2020, cuxa elaboración iniciou esta quinta feira a Consellaría de Facenda.

Afirmou que na Galiza fican aínda “15 ou 16 meses de lexislatura", o cal significa “un tempo superior ao que gobernou Sánchez desde que conseguiu, a través da moción de censura, ser presidente", sentenciou Feixoo.

Nesa situación, Feixoo informou que "a súa prioridade" son orzamentos da Xunta

Nesa situación, informou que a súa prioridade son orzamentos da Xunta, e escudouse en que a “a economía non está nos seus mellores momentos", e en que "non se coñece" a política de ingresos do goberno central e "nin sequera" se sabe se vai haber un acordo de financiamento autonómico. Todo apunta a unha redución nos orzamentos, xa que o presidente fixo fincapé en que as contas do ano próximo buscarán "casar" as necesidades de gasto das consellarías e as súas prioridades cos ingresos que Galiza reciba do Estado.

A dúas bandas

Porén, o presidente xoga a dúas bandas, e da mesma maneira que asegura ter a súa prioridade no goberno galego, aproveita nas últimas semanas case todas as súas intervencións ante a prensa para analizar a política estatal e o futuro do Partido Popular. Desta volta tocoulle a Nafarroa, onde considerou que "sería gravísimo" que o PSOE “entregue ao independentismo" o goberno navarro. Asegurou que lle estrañaría ese final, mais engadiu que "co PSOE actual, todo é posíbel".

Comentarios