Feixoo fala de "síntomas desesperanzadores" após os encontros con Pontón e Caballero

O presidente da Xunta foi crítico cos partidos da oposición e defendeu todas as súas políticas. Mesmo culpou en exclusiva ao Goberno do Estado español da crise industrial que padece o país.
Feixoo no decorrer da conversa coa líder do principal grupo da oposición. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Feixoo no decorrer da conversa coa líder do principal grupo da oposición. (Foto: Xunta da Galiza)

As coincidencias e os compromisos entre os líderes da oposición -Ana Pontón (BNG) e Gonzalo Caballero (PsdeG) e o presidente da Xunta, o popular Alberto Núñez Feixoo, non acabaron de achegar posturas entre as partes. Malia que os dous partidos ofreceron colaboración e diálogo ao Executivo galego, ao fechar os encontros o seu líder asegurou ter detectado “síntomas desesperanzadores” no decorrer dos mesmos.

Despois de que se pronunciaran o BNG e o PsdeG, Alberto Núñez Feixoo, quixo receitar “máis política e menos ruído” para España. “Estou absolutamente convencido de que España neste momento necesita moitos máis acordos que desacordos, moita máis unión que desunión e, sobre todo, máis política e menos ruído”, incidiu.

Así, após dúas reunións diferentes ás que se solicitou continuidade, falou desa desesperanza. Ademais, destacou que hai estabilidade no país porque preside un goberno de maioría absoluta.

Feixoo presentouse como un conciliador que ía na procura de “puntos de encontro” sen “molestias”. Quería, dixo, enviar “unha mensaxe de unidade” ás galegas e galegos. No entanto, aclarou: “non creo que teñamos unha boa axenda de acordos”.

Ao seu modo de ver, tería sido máis útil protagonizar un encontro “a tres” bandas para que Pontón e Caballero tamén escoitasen os seus discursos.

“Non é bo caer nos mesmos 'tics' políticos que nestes momentos hai en España. Trasladeilles que non son bos nin os extremismos nin as radicalidades”, compartiu esta tarde.

Demanda de "confianza"

Ao saír nas conversas o tema sanitario, o representante da Xunta pediu “confianza” no comité clínico e na estratexia de vacinación porque “o único problema que hai é que non hai un número suficiente de vacinas”.

Ao respecto do futuro dos proxectos que concorren polos fondos europeos de recuperación, os Next Generation, demandou un intento de acordo para blindar algún deles. Ao respecto da crise industrial na Galiza, Feixoo asegurou que é o resultado das “decisións unilaterais do Goberno central”, das que considera que non ten “ningunha corresponsabilidade”.

Comentarios