Feixóo fai saber que está disposto a liderar o PP

Horas antes de se realizar esta terza feira o Comité Executivo do seu partido, Feixóo lanza os seus primeiros sinais. Está disposto a abandonar a Xunta e a aterrar en Madrid. Segundo fontes próximas a el consultadas por Radio Galicia-SER, só pon unha condición: que exista suficiente consenso arredor del.

Cimeira Rajoy-Feijóo
photo_camera Feixóo saúda Raxoi na Moncloa

Feixóo non quer ser eleito polo dedo de Raxoi -sería tanto como ser indixitado por un dirixente salferido pola corrupción-, mais tampouco quer ir a un congreso de confrontación aberta. O que deseñan os seus sería unha sorte de primarias de aclamación, modelo Pablo Iglesias-Podemos. Feixóo quer abrir unha nova etapa no partido e iso pasa por abandonar os vellos sistemas de elección dixital e por ensanchar o campo para a participación -relativa- da militancia.

Após a abrupta queda de Mariano Raxoi logo da primeira moción de censura triunfante na historia do réxime de 1978, todos os ollares deitáronse en Feixóo, visto como o candidato con máis opcións de reunir consenso entre os dirixentes da formación conservadora. Só había dúas dúbidas. A primeira, a de se a Feixóo lle interesaría agora dar o salto a Madrid. Agora que o PP non ten o poder executivo e que por vez primeira na súa historia enfronta o perigo a ser sorpassado por outra marca dereitista, Ciudadanos. A segunda, a da súa mochila fotográfica. Esas instantáneas co narcotraficante Marcial Dorado. As dúas dúbidas están despexadas: Feixóo si asume o risco de ir agora á capital do estado -no pior momento do PP desde que o refundou Fraga- e Feixóo considera que o escándalo das fotografías está amortizado desde que enfrentou -en Monte Pío opinan que con suceso- o terceiro grao de Jordi Évole en Salvados.

Agora, no curto prazo, todo está pendente do que vaia dicer Raxoi no Comité Executivo desta terza feira. O previsíbel é que se manteña fiel ao seu estilo e que non faga nada especial. Os marianólogos agardan, iso si, que ensine algunha das súas cartas, sen se fechar ningún camiño (até o do seu recuncamento como candidato). Ninguén agarda unha demisión ou un paso atrás. No mínimo Raxoi -cuxa relación persoal con Feixóo non é a mellor, o que tampouco desbota o dos Peares- tentará pilotar o proceso da súa sucesión, para esta ser ordenada e non dar a oportunidade a Pedro Sánchez a se consolidar na Moncloa e a Albert Rivera a gavear na escada até se facer coa primacía da dereita española.

Comentarios