Feixoo expresa o seu "afecto, simpatía e admiración" por Iturgaiz

Reitera que Alonso é "un político de nivel" e sobre o cambio de candidato en Euskadi considera que  “seguramente o PP ten as súas razóns".

O presidente galego, Alberto Núñez Feixoo (Europa Press)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo (Europa Press)

Feixoo agarda que “se acertase” coa decisión de cambiar a Alfonso Alonso por Carlos Iturgaiz como candidato do PP ás eleccións vascas do 5 de abril. "Seguramente o PP a nivel nacional ten as súas razóns e esas razóns levárono a tomar esa decisión", dixo.

Así se pronunciou, en declaracións aos medios, nun acto de precampaña en Salvaterra de Miño (Pontevedra), onde reiterou a súa "opinión" sobre Alonso, a quen a pasada sexta feria ofreceu "todo" o seu apoio. Así, resaltou a súa "admiración política e persoal" cara ao líder vasco, a quen definiu como "un político de nivel".

Porén, tamén sinalou que non pode "ocultar" a súa relación de "afecto, simpatía e admiración" por Carlos Iturgaiz, a quen definiu como "un vello amigo". "Son dúas persoas que foron e son clave para entender o que foi o PP no País Vasco: un partido heroico", dixo, antes de recordar que hai "moitos" populares vascos que perderon a vida da man de ETA

"Xa teño dado a miña opinión, creo que Alonso é un político de nivel, que foi todo: alcalde de Gasteiz con maiorías, portavoz no Congreso, onde dirixiu o grupo dunha forma magnífica, ministro de Sanidade ...", dixo o presidente galego.

A continuación, subliñou que "tamén é certo" que Iturgaiz "obtivo excelentes resultados no País Vasco" e é "unha persoa de referencia" para o partido en Euskadi.

Comentarios