Feixoo evita pór data á súa dimisión e a oposición critica que "está coa mente en Madrid"

O presidente dimitirá en "semanas" e anuncia unha "transición rápida"
foto-web
photo_camera Núñez Feixoo nin sequera aclaou se a de onte era a súa última sesión de control, cita que é cada dúas semanas na Cámara.(Foto: Parlamento da Galiza)

Alberto Núñez Feixoo vai tardar "semanas" en dimitir como presidente da Xunta da Galiza, segundo el mesmo reiterou onte na sesión de control no Parlamento galego, mais evitou pór unha data concreta para este paso. De pouco valeu a insistencia de BNG e PSdeG, que acusaron o presidente galego de "falta de respecto" a Galiza por se manter na Presidencia galega  ao tempo que exerce de presidente do PP español.

Era a primeira sesión de control con Núñez Feixoo xa como líder do Partido Popular español e, por momentos, as súas repostas acaían mellor ao líder da oposición a Pedro Sánchez que ao presidente da Xunta. Acusou directamente o Goberno español de ser responsábel da suba de prezos e da inflación, do paro do transporte e dos desabastecementos ou dificultades en determinados sectores. Fronte a iso, situouse el propio, un candidato "que nunca mentirá os españois" e que presentou como a alternativa fronte ao Executivo español, "o que ten a peor política económica de Europa". 

Núñez Feixoo semellaba dirixir o seu discurso a moitos quilómetros de onde estaba e a oposición afeoullo. "Xa está en Madrid, Galiza para vostede é un slogan electoral hoxe caducado", reprochoulle a portavoz do BNG, Ana Pontón. "Vostede xa non está aquí, está de corpo presente mais a mente deixou de estar na Galiza hai tempo", apuntou Luís Álvarez, portavoz do PSdeG na Cámara.

"Goberno paralizado e interino"

As intervencións do BNG e PSdeG centráronse en tentar que Núñez Feixoo anunciase cando vai dimitir e en facer unha radiogafía destes 13 anos de Gobernos do PP na Xunta. "Deixa a Galiza peor que cando a colleu", resumiron desde a formación nacionalista, mentres o PSdeG cargou contra un "modelo" que sitúa a Galiza con malos datos en servizos e emprego.

O aínda presidente galego limitouse a repetir que deixará a Presidencia en "semanas", e antes da sesión plenaria apuntara a unha "transición rápida". Insistiu en que o proceso non se demorará "meses", facendo referencia ao proceso de reflexión que Ana Pontón fixera o ano pasado; e convidou a portavoz nacionalista a preparar o debate de investidura, que "volverá perder", dixo. 

"Até cando vai manter un Goberno interino e paralizado?" nun contexto de escala de prezos e crise, preguntoulle Pontón, sen obter resposta do presidente. "As urnas dixeron [en 2020] que querían un Goberno do PP e haberá Goberno do PP até 2024", indicou, e avisou a nacionalista por insistir en que puxese data á súa dimisión: "Vostede non me vai dicir o que teño que facer". "O PP sempre pon o partido por diante da Galiza", respondeulle Pontón.

Prezos

Tanto o BNG como o PSdeG acusaron o Goberno galego de "non tomara nin unha medida de calado" fronte á escala de prezos e lamentaron que en plena crise, "cos barcos amarrados e produtores tirando leite vostede seguise de mitin en mitin por España adiante". Feixoo nin se inmutou: "Son presidente da Xunta porque me votaron os galegos", dixo.

Comentarios