domingo 16.02.2020
Eleccións

Feixoo escóllese a si mesmo

O actual presidente da Xunta da Galiza repite como candidato do Partido Popular ao Goberno galego por cuarta vez.
O actual presidente da Xunta e candidato do PP, Alberto Núñez Feixoo, xunto ao líder dos populares de Ourense, José Manuel Baltar (Arxina).
O actual presidente da Xunta e candidato do PP, Alberto Núñez Feixoo, xunto ao líder dos populares de Ourense, José Manuel Baltar (Arxina).

Alberto Núñez Feixoo autoproclamouse onte candidato do Partido Popular á Xunta da Galiza nunha reunión improvisada dos populares en Compostela. Repite, por cuarta vez, e pecha de maneira anticipada a lexislatura con menos leis aprobadas no Parlamento. Unha "década ominosa" en boca da oposición.

Manuel Fraga Iribarne estaría orgulloso. Seica el non acadou tanto poder no Partido Popular da Galiza como ten a día de hoxe Alberto Núñez Feixoo. O discípulo superou o mestre e a proba foi onte, cando por enriba de congresos e xuntas directivas de partido, Feixoo só precisou unha sala de hotel para autoproclamarse como candidato.

Ten tanto poder que deixa as decisións intransferíbeis dun presidente en mans do seu homólogo vasco. Iñigo Urkullu decidiu adiantar as eleccións en Euskadi para o 5 de abril e Feixoo cambiou todos os seus plans para que as galegas voten o Domingo de Ramos.

Non faltaba ninguén no Palacio do Carmen, o acto estaba previsto na axenda popular para o mes de marzo, mais a pesar das présas alí estaban todas as que cren que deberían estar. Non se pode pasar por alto que será o propio Feixoo quen de facto elabore as listas do PP.

"Estabilidade" e "coherencia" volveron ser as verbas que apuntalaron o discurso do actual presidente da Xunta, "convencido" de que revalidará o cargo, e que chegou a presumir de que o seu partido é "un punto de encontro da maioría das familias, das autónomas, das traballadoras por conta allea, das profesoras, das médicas...". Certo é que o PP manexa enquisas que lle dan de novo maioría absoluta para seguir no Goberno a partir de abril.

"Despois de tres lexislaturas e tres vitorias, pode haber xente que crea que non teño nada que gañar, pero eu o que quero é que Galiza non teña nada que perder", pronunciou sen disimular o ton de vaidade, o mesmo que o levou a recompilar as veces que, segundo el, puxo ao país por diante: "Cando en 2016 as perspectivas non eran boas para o noso partido, eu dixen Galiza. En 2018, cando xurdiron novas perspectivas, por compromiso e coherencia, dixen Galiza. E hoxe volvo a dicir Galiza".

"Se o meu partido está disposto, eu estou a disposición da Galiza. Se o meu partido quere, eu quero ser o candidato á Presidencia da Xunta. Se as galegas queren, eu serei o presidente de todas as galegas sen excepción", apostilou, para engadir: "Son Alberto Núñez Feixoo e as galegas saben o que poden agardar de min".

Xa é habitual, mais non deixa de sorprender, que o actual presidente da Xunta confunda o suxeito cando fala do país: "Cando eles din Feixoo, eu digo sempre Galiza. Ante calquera dúbida, eu sempre dixen Galiza", repetiu onte, após alertar de que defenderá "os intereses da Galiza fronte a quen quere menoscabalos" para que non haxa "un Goberno que se dedique a pactar entre si", en referencia á posibilidade de que unha coalición de esquerdas volva á Xunta.

Nesa demostración de "estabilidade" defendeu que o país ten "os mellores hospitais" e "menos listas de espera que nunca" en sanidade, así como que "lideramos a educación pública no Estado". Tamén presumiu dun "plan do litoral para preservar a costa" e dunha "lexislación do solo compacta", pese a que a lei de ordenación do territorio, proposta polo seu Goberno e criticada pola oposición por poñer "os intereses privados incluso por enriba dos públicos", quedou paralizada na Cámara polo adianto electoral.

Baltar di que facer as listas de Ourense é "fácil" e Jácome confirma o seu voto

Ourense é sitio distinto para moitas cousas, tamén no que atinxe o PP. Pode que Feixoo, quen aseverou que se "partirá a cara por Galiza" o 5 de abril, decida a meirande parte das candidaturas do seu partido no país, mais en Ourense iso é cousa de José Manuel Baltar, que onte xa salientou que "as listas do PP son sempre un resumo perfecto de confluencia coa veciñanza de Ourense" e apuntou a "facilidade" para facelas porque, segundo dixo, podería presentalas "en media hora". O líder do PP ourensán sostivo que teñen "os deberes feitos". Tanto é así que o alcalde da cidade das Burgas, Gonzalo Pérez Jácome, que creou o partido Democracia Ourensana para botar o PP do Concello, anunciou onte que o seu voto será para Feixoo porque é quen "mellor vai defender os intereses da Galiza e iso beneficiará a Ourense".

comentarios