Editorial Sermos329: Feixoo e Vox

feixoo

Feixoo ten un problema. Chámase Vox. En realidade, o problema de Feixoo non é tanto a existencia do partido ultradereitista como a firme intención de Pablo Casado —a quen o titular da Xunta respaldou clandestinamente fronte a Soraya Sáenz de Santamaría— de pactar coa extrema dereita. Se a marca conservadora alcanza o poder en Andalucía da man dos ultras —xenófobos, machistas e acerrimamente españolistas—, Feixoo vai ter ben difícil presentarse a si mesmo como un dirixente centrista e defensor do autogoberno galego.

 

Monte Pío é perfectamente consciente de que o seu electorado é moi plural (non doutro xeito se consegue alcanzar 47 por cento do voto nas últimas eleccións galegas) e que sectores amplos da súa base non partillan as mensaxes reaccionarias do partido de Santiago Abascal. Que facer entón? Tomar distancia retórica e empregar os seus portavoces, por exemplo Paula Prado, para saudabelmente marcar distancias con Vox en asuntos tan delicados como o combate contra a violencia machista.

 

O problema para Feixoo é que con só iso non chega. Se realmente quixese preservar o seu suposto centrismo debería tomar nota do que está a dicir Manuel Valls, o candidato de Ciudadanos en Barcelona, radicalmente contrario a que a formación de Rivera outorgue crédito democrático á ultradereita.

Comentarios