Análise

Feixoo e Díaz Ayuso sempre van da man

A resposta da Xunta á situación creada pola pandemia preséntanos a verdadeira faciana do presidente, evidencia os intereses que representa e deixa claro as relacións de poder que condicionan a política na Galiza. 

A política nas democracias de baixa calidade ten cada día máis de representación, porén tamén ten uns límites que lle impón a realidade. A imaxe de Feixoo como xestor sen preocupacións doutrinais ou como tecnócrata sen grandes convicións ideolóxicas so é posíbel mantela nun réxime de propaganda xeneralizada ou nun contexto libre de emerxencias sociais e económicas. A resposta do Goberno galego á situación creada pola pandemia preséntanos a verdadeira faciana de Núñez Feixoo, evidencia os intereses que representa e deixa claro as relacións de poder que condicionan a política na Galiza. 

A sintonía de Núñez Feixoo e Díaz Ayuso vén de vello. As persoas que na esfera da dereita ou da esquerda agora se sorprenden pola negativa do mandatario galego a confinar Madrid ou polo seu apoio fechado á postura da presidenta madrileña non deben esquecer que Feixoo é un dos dirixentes do PP máis próximos a Ayuso.

Así, nos días previos ao confinamento de marzo defendeu manter aberto Madrid, malia que as vagas de residentes desa comunidade operaron como o principal factor de expansión do virus na Galiza. Ao tempo, o presidente galego non tremeu en expresar as súas dúbidas sobre as restricións que formulou o Goberno do Estado, distanciándose doutros dirixentes territoriais do seu partido e ficando outra vez só a carón da presidenta madrileña.

Núñez Feixoo mantívose firme ao lado de Díaz Ayuso desde que comezou a pandemia. A lealdade á súa homóloga madrileña ficou testada nas tráxicas semanas finais de marzo pasado, cando cedeu aparellos respiradores das Unidades de Coidados Intensivos (UCI) ao Goberno de Madrid mentres os hospitais públicos galegos se viron na obriga de buscalos nas clínicas privadas ou, nalgúns casos, renunciar a atender doentes pola falla de medios. Porén, a posición de Feixoo non respondeu esencialmente a consideracións de orde persoal, asociados á súa proximidade con Ayuso, senón á convición de que Madrid é a columna vertebral do Estado e o seu colapso sanitario afecta á imaxe deste.

Feixoo e Ayuso sempre saben a quen teñen que obedecer. Os seus prexuízos ideolóxicos debedores das correntes neoliberais máis radicais, a subordinación, en coherencia co anterior, ás posicións do poder económico e o convencemento, como correlato do seu corpo doutrinal, que a súa presenza na vida pública responde a garantir os intereses do capital fan deles persoas previsíbeis.

Un e outro entenden a súa función presidencial como a dun directivo encargado de crear valor nunha comunidade de accionistas da que só fan parte os estratos máis elevados da pirámide social ou como a dun capataz colocado ao fronte do negocio para defender os intereses do amo e mallar nos iguais.
O presidente galego e a mandataria madrileña nunca lle fallan ao diñeiro.

Se cadra por iso son as opcións preferidas das elites económicas para liderar o Goberno do Estado até o punto de que o equipo de Pablo Casado ve con preocupación a aposta do capital por Feixoo ou Ayuso como alternativa de recambio na xefatura de Goberno. Pola súa banda, o mandatario galego cala diante dos rumores insistentes que o volven situar camiño de Madrid pero acentúa o seu perfil máis duro, aquel que menos réditos xera na Galiza pero que máis gusta en España. En definitiva, o Feixoo de verdade en estado puro.

Comentarios