Política

Feixoo di que o Goberno "lle retira moito máis do dobre do que lle dá" a Galiza

O presidente galego critica a retirada de fondos para políticas de emprego que o Executivo estatal non entregará aos diferentes territorios, un total de 100 millóns de euros.
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo (Xunta).
photo_camera O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo (Xunta).

O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, salientou após a reunión de mandatarios mantida con Pedro Sánchez, que o Executivo estatal "lle retira moito máis do dobre do que lle dá" a Galiza en canto a orzamento se refire. 

Así, Feixoo criticou a retirada de "100 millóns de euros" que lle correspondían a Galiza dos fondos estatais para políticas de emprego e apuntou que o Executivo de Sánchez vai entregar "35 millóns" dos que aínda non se recibiu nada. "Esta retirada non a entendemos nin a compartimos", dixo.

"Retiraron 100 millóns das políticas de emprego e se nos van dar 35 millóns de euros dos que, de momento, non recibimos nada: uns 16 millóns no eido social e outros 16 no sanitario. É evidente que isto é asimétrico", asegurou o presidente galego. 

Estes 100 millóns de euros, segundo manifestou, estaba previsto que se dedicaran ao "sector naval, da automoción e forestal", entre outros. 

Ademais, o titular do Goberno galego avanzou que o Executivo estatal traballa nun "borrador do plan de vivenda" no que "se comenta que nos poden retirar parte do que estaba contemplado". Neste sentido, Feixoo calculou que Galiza recibiría entre "35 e 40 millóns" menos para as políticas de vivenda

"Se hai lealdade ten que ser mutua", incidiu Feixoo, quen lembrou que "o Estado é o único que pode acudir ao Banco Central Europeo" e solicitar créditos.

"Facemos esforzos para seguir pagando o incremento exponencial en sanidade e servizos sociais e ás axudas ás políticas que está levando a cabo o Estado", sostivo o presidente da Xunta. 

Entrega de tests rápidos

Asemade, o presidente galego trasladou na súa comparecencia posterior á reunión que o Goberno do Estado distribuirá "un millón de tests rápidos" para a detección do coronavirus entre os diferentes territorios entre hoxe e mañá.

Desta maneira, conta con que Galiza reciba "uns 60.000 mil" en relación á súa poboación. Trátase de test "rápidos", tal e como detallou Feixoo, que serven "para confirmar os positivos". 

Nos casos nos que estes test resolvan un resultado negativo, haberá que confirmalo a través doutra proba nos laboratorios de microbioloxía do Sergas. "Por cada test rápido negativo se gastará unha proba PCR como contraste", sinalou Feixoo, pois "sería prudente e apropiado repetir" e confirmar o resultado. 

Por outra banda, Feixoo asegurou que até este momento Galiza ten empregado "nun 90%" material de protección adquirido directamente pola Xunta e só un "10%" do Estado. Estas porcentaxes, segundo a súa valoración, son equivalentes no resto dos territorios estatais. 

Hospitais de campaña

Feixoo informou de que o comité clínico do Sergas manterá unha reunión esta segunda feira na que se abordará, entre outras cousas, a situación dos dous hospitais de campaña proxectados na Coruña e Compostela

"Os acopios para instalar os hospitais de campaña están practicamente feitos", afirmou o presidente, quen precisou que "a instalación dependerá da presión asistencial".

Con todo, certificou que a Xunta xa está preparada "para despregar os hospitais de campaña", mais aínda non é necesario. "Neste momento temos 270 camas de UCI ao dispor dos pacientes e temos previsión nos ámbitos de reanimación e quirófano para convertilas en UCIs. E con datos das 21 horas de onte, hai 170 camas ocupadas nas UCIs galegas", detallou.  

Os respiradores da Xunta

O presidente galego non entrou a valorar a situación na que se atopan os respiradores "prepagados" pola Xunta e que aínda non chegaron a Galiza. Só confirmou esa compra e insistiu en que non anunciará ningún material até que non estea dispoñíbel no país. 

A conta disto, Feixoo fixo unhas consideracións para afirmar que "debemos manter unha boa relación sempre con China" e que "é un erro manter un recelo con ese país". "Hai tensións, hai discusións, pero manteñamos a calma", aseverou para engadir que "nós respiradores do Goberno estatal non temos, oxalá os poidamos ter nos vindeiros días".

Aloxar aos asintomáticos

A respecto da petición de información por parte do Goberno do Estado sobre infraestruturas dispoñíbeis para aloxar a pacientes con COVID-19 positivo pero sen síntomas, Feixoo dixo que "non foi unha proposta concreta" e que non é "capaz" de "concretar cal é obxectivo que persegue"

"Parécenos que os positivos deben seguir nas súas casas se non teñen síntomas", asegurou, para indicar que existe un rexistro de estabelecementos hoteleiros privados e un inventario de lugares públicos e que "se o Goberno non os ten se lles facilitarán". 

Comentarios