mércores 27.05.2020
Política

Feixoo di estar "fiando" unha resposta ao Goberno polo IVE

"Que 'jeta', que morro e que cara!", indicou o presidente da Xunta sobre o Executivo de Pedro Sánchez
Reunión do Consello da Xunta en San Caetano (Xunta).
Reunión do Consello da Xunta en San Caetano (Xunta).

A débeda derivada da mensualidade do IVE de 2017, 200 millóns de euros, deixou á vista a carraxe do presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, que criticou a actitude do novo Goberno de coalición estatal e avanzou que o Goberno galego traballa nunha resposta após darlle a oportunidade de "rectificar" ao Executivo de Pedro Sánchez, pero non aclarou se acudirá á xustiza como lle suxeriu a oposición galega.  

"Cando teñamos a decisión fiada, dirémolo. Cando teñamos algunha noticia que dar, darémola. Non nos gusta improvisar. Se está adecuadamente argumentada farémola pública de inmediato", sinalou Feixoo sobre os pasos a dar por parte do seu Goberno, antes de advertir de que o que non vai facer a Xunta é "rir as gracietas" do Estado.

Feixoo lembrou que en agosto de 2018, pouco despois de que o anterior Goberno de Sánchez tomase posesión, a ministra de Facenda, María Jesús Montero, "comprometeu solemnemente no seu despacho que isto se arranxaba en 2019".

"En 2019 propuxémoslle un real decreto para arranxalo e, cando pensamos que isto se ía a solucionar cos orzamentos de 2020, agora dinos que non, que o diñeiro é seu e que a culpa a teñen os anteriores. Que 'jeta'. Que 'jeta', que morro e que cara!", aseverou Feixoo, que non reclamou esta débeda cando o seu partido estaba no Goberno do Estado.

"Co diñeiro das comunidades estamos a financiar as políticas electoralistas do Goberno estatal", avisou, antes de anticipar que ninguén o vai "calar". "Teríanme que cesar como presidente para que me cale ante este atropelo", sostivo, para engadir, a continuación, que nos máis de 30 anos que leva na Administración pública nunca viu nada similar. "Nunca houbo un atropelo de modo tan impúdico e con gracietas incluídas dicindo que xa non se pode pagar", remarcou Feixoo.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube

comentarios