Política

Feixoo desvincula a titularidade privada dos problemas en residencias polo coronavirus

O presidente galego asegurou que a gravidade da situación nas residencias de maiores pola crise do coronavirus non ten vínculos co feito de que sexan centros de xestión privada. 
Alberto Núñez Feixoo (David Cabezón/Xunta).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo (David Cabezón/Xunta).

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, desvinculou a titularidade das residencias de maiores dos problemas derivados dos contaxios de COVID-19 que se rexistran nestes centros e asegurou que a situación é "común en toda Europa e España".

Preguntado esta terza feira polas críticas nas que o PSdeG vinculou a "privatización" destes centros por parte da Xunta á creación de "imperios xeriátricos", Feixoo rexeitou expor un "cuestionamiento da titularidade" das residencias na súa comparecencia desde San Caetano.

"O que temos que cuestionar é como se autorizan as residencias, que tipo de residencias debemos autorizar, que configuración arquitectónica teñen que ter os edificios, que plantilla e que dotación de plantilla de forma directa ou indirecta ten que ser sanitaria....", manifestou.

A Federación Galega de Asociacións de Usuarias e Familiares de Usuarias de Residencias e da Dependencia, REDE, na súa denuncia presentada na Fiscalía Superior de Galicia contra as directivas das residencias privadas do país considera que todos os problemas detectados nestas residencias obedecen a unha cuestión de "aforro" de cartos por parte das empresas xestoras, sinalando principalmente á multinacional DomusVi.

Despois de sinalar que a Xunta estuda estas cuestións "desde hai semanas", Feixoo considerou que "o mellor que se pode facer" nestes momentos é "coñecer os datos" de todas as persoas que resultaron falecidas ou contaxiadas no total de residencias de España.

Segundo indicou, o Goberno estatal ten estes datos que é necesario coñecer. "Estar a ocultar os datos de falecidos e contaxiados en residencias é algo que non podo compartir en ningún modo e, por iso, desde que tivemos información, estamos a trasladala en tempo real", xustificou.

Porén, os propios datos da Xunta da Galiza indican que o número de contaxiadas nas residencias públicas (apenas unha vintena de usuarias) é moito inferior á das privadas e concertas (900). E o mesmo acontece coas vítimas mortais, case todas ligadas ás residencias privadas. 

Comentarios