Feixoo oponse a baixar o número de alumnado na volta ás aulas

O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, afirmou que a partir desta segunda feira poderán abrir parques infantís ao aire libre, mais non gardarías.
Parque clausurado [Imaxe: Europa Press].
photo_camera Parque clausurado [Imaxe: Europa Press].

O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, asegurou que a partir desta segunda feira, cando Galiza deixe atrás a fase 3 da desescalada, poderán abrir parques infantís ao aire libre mais non gardarías porque "hai menos risco" de contaxio en espazos abertos que en lugares fechados.

Así respondeu o mandatario galego, na rolda de prensa posterior á videoconferencia co presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, e o resto de líderes autonómicos, ao ser preguntado sobre as críticas de diversos colectivos e partidos, como o Bloque Nacionalista Galego (BNG), a algunhas medidas publicadas este sábado no Diario Oficial da Galiza (DOG) para a nova normalidade.

De feito, a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, preguntábase este sábado por que se poderá realizar actividades infantís e xuvenís con até 250 persoas ao aire libre e por que haberá campamentos mentres outras dotacións, como gardarías e centros de día de maiores, permanecen fechadas.

Neste sentido, Feixoo explicou que é "polas propias características do lugar". Así, dado que "os menores teñen que reactivar os seus comportamentos sociais", engadiu que os parques ao aire libre teñen "menos risco", algo que "pediatras e infecciólogos" avisan "desde hai semanas".

Por iso, avogou por "empezar primeiro cos parques infantís" e "ver como se comporta a situación" e despois "ir pensando en actividades infantís en lugares fechados".

E é que "abrir todo á vez" no ámbito dos mozos parécelle "moi arriscado". De feito, Feixoo lembrou que as medidas recollidas no DOG este sábado estabelece "dous criterios" de capacidade, segundo os lugares sexan abertos ou fechados.

Por exemplo, as competicións e eventos deportivos poderán desenvolverse con público sentado, sempre que non se supere 75% da capacidade e cun límite máximo de 300 persoas en lugares fechados e 1.000 ao aire libre. 

Con respecto aos campamentos de verán, defendeu que poidan estar dispoñíbeis "cun protocolo de limitacións de capacidade moi importante" porque son actividades para un público "máis adolescente", factores que os diferenciaría das gardarías.

Así mesmo, os e as directoras das escolas infantís -segundo afirmou Feixoo- trasladaron á Xunta que "non había unha demanda superior ao 20 ou 25 por cento dos pais" para levar aos seus fillos e fillas a estes centros.

“Equidade” e “normalidade”

Por outra banda, aínda que tamén en páxina educativa, o presidente do Goberno galego volveu defender durante a videoconferencia con Sánchez a necesidade de alcanzar un protocolo único para a volta ás aulas baixo as máximas de "equidade" entre territorios e "normalidade".

Neste punto, apelou ás recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS) e insistiu en non baixar o número de alumnos e alumnas na volta ás aulas, porque suporía "romper" os grupos de alumnado e implicaría "rupturas emocionais entre os compañeiros" de clase.

Ademais, referiuse á importancia de extremar as precaucións en "recreos e zonas comúns, onde os expertos ven un maior risco".

En calquera caso, Feixoo espera que "en próximas semanas", aínda sen definir, se poida avanzar para ese protocolo único para o inicio do curso 2020/21.

Comentarios