Feixoo defende a "honorabilidade política" de Rajoy após as acusacións de Bárcenas

Estas declaracións responden ás preguntas das xornalistas sobre o escrito do ex tesoureiro do PP que acusa a Mariano Rajoy de ter eliminado documentación coa suposta contabilidade en B da formación política.
Feixoo após o Consello da Xunta. (Foto: Ana Varela / Xunta da Galiza)
photo_camera Feixoo após o Consello da Xunta. (Foto: Ana Varela / Xunta da Galiza)

Despois de que onte transcendera unha acusación do ex responsábel das contas dentro do PP nacional, Luis Bárcenas, sobre a suposta destrución de documentación que demostraba o financiamento ilegal do partido por parte do ex presidente Mariano Rajoy, hoxe Núñez Feixoo saíu na defensa deste último.

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o seu presidente, Alberto Núñez Feixoo, asegurou: “Continúo convencido da honorabilidade en toda a súa carreira política do presidente Rajoy”.

Así respondía ás preguntas dos medios preguntado sobre o contido da misiva que Bárcenas remitiu á Fiscalía Anticorrupción e que se coñeceu cinco días antes dunha nova cita do ex tesoureiro popular coa Xustiza.

Nese escrito, o antigo cargo político -que cumpre 29 anos de prisión e aínda ten sentenzas pendentes- asegura que Mariano Rajoy destruíu papeis con anotacións dos supostos movementos “da caixa b” que se usaba para financiar o partido “sen saber” que el mantiña gardada unha copia.

Para Feixoo esta carta tan só está vinculada á “estratexia de defensa” de Bárcenas de cara ao seu xuízo pola peza que fai referencia a esa caixa secundaria.

“Non creo que deba facer comentarios sobre a estratexia de defensa desa persoa”, remarcou, se ben incidiu na súa confianza en Rajoy.

“Non teño dúbidas. O dixen así fai moito tempo e reafírmome”, concluíu, advertindo que no que se refire ao camiño seguido polos avogados de Bárcenas os seus “comentarios” non aportan demasiado.

Comentarios