O Parlamento elixe Núñez Feixoo presidente da Xunta

Con 42 votos a favor (os do PP) e 33 en contra (os do BNG e PSdeG) o Parlamento galego elixiu Alberto Núñez Feixoo presidente da Xunta. Máis de dúas horas empregou Feixoo para replicar as taxadas intervencións de escasa media hora que Ana Pontón e Gonzalo Caballero realizaron na sesión de investidura na Cámara. O popular tirou de “medias” e comparativas para enxalzar a súa xestión da crise. Sen novidades, porén, en cambios de modelo na sanidade nin residencias. Tampouco houbo anuncios sobre redución de ratios nas escolas en pandemia, como demanda a comunidade educativa e cualificou o BNG de “pouco evolucionado” por defender un concerto económico para a Galiza. “Sería un disparate”, espetou.

O candidato á Presidencia da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, na sesión de investidura (Imaxe: Europa Press)
photo_camera O candidato á Presidencia da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, na sesión de investidura (Imaxe: Europa Press)

Como se for unha rolda de prensa ante os medios, así comezou Alberto Núñez Feixoo a réplica ás intervencións da líder do BNG, Ana Pontón, e do PSdeG, Gonzalo Caballero, con motivo da segunda xornada do debate de investidura da Presidencia da Xunta da Galiza. Feixoo arrancou o seu discurso dando conta do número de contaxios activos, hospitalizacións e falecementos na Galiza a causa da Covid-19, como se for unha comparecencia informativa en lugar do debate de elección do xefe do Executivo galego.

Tamén quixo iniciar o seu discurso celebrando a sentenza que na cuarta feira, 2 de setembro, ditou a devolución do Pazo de Meirás para o ben público, arrebatándollo á familia do ditador Francisco Franco. Así, o mesmo presidente que dixera nunha entrevista en 2017 que “era franquista” expropiar o pazo aos Franco, quixo agora parabenizar o pobo galego pola recuperación do inmóbel. Previamente á intervención do candidato á Presidencia, o portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy, quixo recoñecer o traballo dos movementos de recuperación da memoria histórica, o papel das institucións e o do BNG.

Feixoo, que xa pronunciara antonte o seu discurso de investidura nunha sesión, a primeira da investidura, na que só el puido intervir; empregou na segunda sesión máis de dúas horas para dar réplica ás taxados tempos que tivo a oposición (30 minutos para Pontón e outros tantos aproximadamente para Caballero).

O popular aproveitou este tempo para reprochar a oposición as críticas realizadas sobre a xestión da pandemia, centrando boa parte da réplica en Gonzalo Caballero para pór así sobre o tellado do seu compañeiro de partido e presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, a responsabilidade da xestión da crise en cuestións nas que a Xunta ten competencia, como ensino, sanidade ou industria. Feixoo tirou de “medias” para anunciar o que el denominou “recuperación do traballo” con 43.800 afiliados máis desde o inicio até o fin da anterior lexislatura. Recriminou ademais Caballero por falar da “contracción” do PIB e do emprego por mor da pandemia, tirando outra vez de “medias” para citar que o PIB na Galiza baixou 4 puntos menos que a media do estado.

Autogoberno

“O estatuto de autonomía que xuramos defender é a nosa guía diaria de Goberno e de acción política”, respondeu a Ana Pontón e Gonzalo Caballero, que acusaron o popular de non facerse cargo das competencias que a Galiza ten. ”Coincidimos na Constitución española e no Estatuto de Autonomía como guía permanente de actuación e convídolle a que poidamos afondar nelas”, díxolle a Caballero. Feixoo defendeu a necesidade dunha nova lei sanitaria para actuar na pandemia fronte á alternativa do estado de alarma, fronte ao mando único, dixo, como presidente da Xunta e como “representante do Estado na Galiza”.

“Eu creo no Estatuto máis que vostedes”, espetoulle a Pontón, reprochando ao BNG “non ter evolucionado e ser o mesmo da súa fundación”, criticando que o nacionalismo defenda un concerto económico para a Galiza. “Sería un disparate”, dixo entre risos. Igualmente criticou a proposta nacionalista de recadar o imposto de sociedades ou pular por unha banca pública. Ao igual que Pontón lle pediu “moderación” (con sorna) ante a lingua galega, Feixoo pediullo á nacionalista en canto á “monarquía parlamentaria” española. “Non lles importa o que pase en España”, proseguiu, “pero a nós si, porque somos españois e cremos na nación española e defenderemos estatuto toda a lexislatura”.

“O Bloque non conseguiu nada no Congreso dos Deputados”, dixo Feixoo a Pontón, a quen recriminou por non ser “xusta” á hora de valorar a situación da sanidade galega, alegando o popular que na actualidade hai menos listas de espera, maior número de operacións e tratamentos novos “que nunca”. Aliás, negou que haxa menos camas nos hospitais. “Que sería de Vigo se non fixeramos o novo hospital”, preguntouse Feixoo sobre unha obra que precisamente vén do Goberno bipartito do PSdeG e BNG.

Residencias

“Non vamos entrar niso”, dixo Feixoo en referencia ás críticas efectuadas por Pontón e Caballero sobre as deficiencias na rede residencial galega e, en relación aos 7 centros xeriátricos que prometeu construír nas 7 cidades galegas hai catro anos e que agora voltou a anunciar. A este respecto Feixoo escudouse “en que as Alcaldías deses concellos non ceden nin un metro” de solar á Xunta.

Sobre a comisión de investigación parlamentaria sobre a crise nas residencias que tanto o BNG como o PSdeG pediron, Feixoo contraatacou asegurando que o Goberno español non dá os datos das persoas falecidas nos centros de maiores mentres que a Xunta “dá eses datos cada 24 horas”.

Educación

Tamén no que ten a ver co ensino botou Feixoo balóns fóra. “Para que existen Ministerios de Educación, de Universidade e de Ciencia? Pedimos desde maio nas conferencias de presidentes chegar a acordos mínimos para dar seguridade ás familias e aos docentes e intentar reconstruír o sistema educativo. Mais até o 27 e 28 de agosto non se reuniron os ministros dos ramos cos conselleiros para chegar a un acordo que agora critican (en referencia á oposición)”, espetou Feixoo.

“Non estamos de acordo co reparto dos fondos Covid”, dixo ademais o candidato, a pesar de que o seu partido, o PP, votou a prol dos criterios de reparto nas Cortes Xerais.

Comentarios