Feixoo dará conta da xestión da terceira vaga

A Xunta de Portavoces conclúe coa comparencia de Feixoo, no pleno dos días 9 e 10, para dar conta da xestión da terceira vaga da Covid-19 e dos fondos europeos Next Generation.
20210202_portavoces_02
photo_camera Imaxe da Xunta de Portavoces desta terza feira. (Foto: Arxina)

O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, comunicou hoxe aos medios que responderá, na sesión de control do próximo pleno do Parlamento, as preguntas da oposición sobre a xestión da terceira vaga da Covid-19 e mais sobre os fondos europeos Next Generation.

A orde do pleno, que terá lugar os días 9 e 10 de febreiro, marcouse durante a Xunta de Portavoces, e incluirá, ademais da comparecencia de Feixoo, a do vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde, que explicará as previsións do seu departamento para o ano 2021.

O portavoz parlamentario do Partido Popular (PPdeG), Pedro Puy, explicou en rolda de prensa que o próximo pleno debaterá a aprobación definitiva dos proxectos de lei de residuos e chans contaminados, e o proxecto de lei de museos. 

Pola súa parte, a viceportavoz do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Olalla Rodil, explicou que o seu grupo se centrará na xestión dos fondos europeos Next Generation e criticou que Feixoo non aproveitase a xuntanza con Pedro Sánchez para reclamar a xestión directa destes fondos senón que "aceptase a estratexia centralista do Goberno, que reserva para si toda a capacidade de decisión" sobre este diñeiro.

Rodil expuxo tamén que pediron a comparecencia do presidente da Xunta para que aborde as actuacións levadas a cabo para frear a terceira vaga. 

No mesmo sentido pronunciouse o viceportavoz socialista (PSdeG), Pablo Arangüena, que rexeitou que Feixoo “bote a culpa” da situación sanitaria “ao Goberno central, á cidadanía e incluso a Portugal”, recalcou.

Tamén sinalou que a súa formación preguntará no nese pleno polas irregularidades detectadas no proceso de vacinación na Galiza.

comentarios