Feixoo critica o resultado da viaxe de Sánchez a Rabat e di que "nada" se sabe de Ceuta e Melilla

O presidente da Xunta recalca que o "normal" é falar con Marrocos, como fixeron sempre outros presidentes, e pregúntase "que gañou" España co ocorrido.
Acto do candidato á presidencia estatal do PP, Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Acto do candidato á presidencia estatal do PP, Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Nós Diario)

O presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo, minimizou hoxe o resultado da viaxe a Marrocos do xefe do Executivo, Pedro Sánchez, xa que, ao seu entender, falar co país veciño é "o normal", como fixeron outros Gobernos no pasado.

Con todo, subliñou que sobre Ceuta, Melilla e as augas de Canarias non saben "absolutamente nada" e preguntouse que "gañou" España con todo o ocorrido co país veciño.

O aínda presidente da Xunta pronunciouse así despois de que o xefe do Executivo estatal e o rei Mohamed VI acordasen unha declaración conxunta após o seu encontro en Rabat na que se indica que terá lugar a Reunión de Alto Nivel (RAN) proposta antes de que acabe o ano, pero na que non se fai ningunha mención á integridade territorial.

Rotura da orde diplomática

Nunha entrevista na Cadena Ser, Feixoo sinalou que con Marrocos tiñan unha "boa relación de  amizade" pero co Goberno de PSOE e Podemos, non foi así porque "rompeu a orde diplomática", citando a entrada en España do líder da Fronte Polisario de forma "ilegal" que provocou o "batifondo de todos coñecido".

"E para resolver un batifondo que previamente monta o Goberno de España, entregámoslle a Marrocos sen falar con ninguén o obxectivo fundamental, que é o Sáhara, formando parte da soberanía do país marroquí. Sobre Ceuta, Melilla e as augas canarias, non sabemos absolutamente nada", salientou.

Engano

Preguntado por se o comunicado conxunto entre España e Marrocos lle parece un resultado aceptábel da viaxe de Sánchez a Rabat, Feixoo respondeu "non" de forma contundente e sinalou que o único que fixo é "o normal" porque era "costume" que o primeiro país ao que viaxaba un presidente do Goberno español era Marrocos, no marco das relacións de "cordialidade e amizade" entre ambos os países pola súa "alianza económica" e "xeoestratéxica"."Realmente pensamos que avanzamos algo na nosa posición inicial? Mereceu a pena enganar a todo o mundo e que a política de estado se converta na política dun home en España?", cuestionou.

Feixoo lembrou "os 45 anos de consenso entre todos os partidos do arco parlamentario español" e lamentou que non se avanzara neste asunto con "absoluta finura e diplomacia entre Alxeria, Marrocos, o Sáhara e Nacións Unidas".

"Improvisación"

Alberto Núñez Feixoo censurou a "improvisació e tanto bandazo" do Goberno sen "sen un só voto a favor de todo o Congreso dos Deputados".

Por iso, desmereceu o resultado da viaxe que, ao seu xuízo, consiste en "volver falar con Marrocos" como xa se vén facendo "durante séculos e durante décadas.

Solución ao conflito

Sobre se revertería o cambio de postura en relación co Sáhara se fose presidente do Goberno, Feixoo limitouse a sinalar que cando coñeza "exactamente a postura en relación ao Sáhara, o impacto desa postura e as consecuencias da mesma, como afecta isto a España e cal é a posición de Nacións Unidas" poderá contesta. "Non coñezo ese acordo. O acordo será  clandestino se é que o hai. Non o coñece ninguén en España", manifestou.

Feixoo indicou que a solución ao conflito do Sáhara pasa por sentar con Marrocos, o Sáhara, Nacións Unidas e manter informada a Alxeria e a UE, "sen documentos secretos", "sen  bandazos" na política exterior e con "respecto á soberanía nacional e os consensos políticos e democráticos en España".

Política exterior

Segundo afirmou, no seu encontro con Sánchez na Moncloa, Feixoo advertiu o presidente do Goberno de que non pode actuar así en política exterior, "ninguneando" o Congreso e a cidadanía. Ao seu entender, a política exterior non pode ser de "unha soa persoa".

Ademais, sinalou que na votación do Congreso sobre o Sáhara -unha proposición favorábel ao referendo de autodeterminación presentada por UP, ERC e Bildu- viuse que o Goberno "rompeu" ao votar de forma "distinta" PSOE e Podemos. "Nunca houbo un feito tan grave na política exterior española", finalizou.

Comentarios