Feixoo critica que o Goberno español fale de "matria", "niñes", "carne" e "franquismo"

O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, non gosta de que o Goberno estatal fale de "niñes", de "Matria", de "carne", nin de "franquismo". Foi así como, na mañá da sexta feira, tratou de ridiculizar o Executivo de Pedro Sánchez, a quen acusou de ser "frívolo".
O presidente da Xunta da Galiza e líder do PP, Alberto Núñez Feixoo (Imaxe: Europa Press).
photo_camera O presidente da Xunta da Galiza e líder do PP, Alberto Núñez Feixoo (Imaxe: Europa Press).

O presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feixoo, sentou esta sexta feira por primeira vez a cúpula do partido, após ser reelixido como xefe de filas dos populares galegos a pasada fin de semana, e á marxe de chamar os seus a traballar para obter resultados no ámbito local, aproveitou para cargar contra o Goberno que dirixe Pedro Sánchez, ao que ve "frívolo e irresponsábel".

Feixoo insistiu en que os populares non deben aspirar a ser "políticos á moda" nin a "reorientar" a forma de actuar do seu partido, centrado, dixo, en "solucionar os problemas" dos cidadáns.

En fronte, situou o Goberno estatal, co que se mostrou moi crítico. "Cando a xente pregunta polas previsións da Covid, o Goberno central fala de Franco; cando pregunta polos ERTE, fala de niñes; cando pregunta por restricións, fala de matria. E cando a xente está preocupada e non sabe saír do túnel, aconsella non comer carne", afeou.

Por iso, reivindicou que a política centrada en liquidar os problemas dos cidadáns e o PP fai máis falta "que nunca" en España. "Na política española hai unha enorme inestabilidade. Nunca houbo unha inestabilidade igual. Nunca houbo un Goberno tan enfrontado e inestable, nunca máis preocupado de crear problemas que de solucionalos", advertiu.

"Hai máis frivolidade que nunca"

"Hai máis irresponsabilidade e frivolidade que nunca", engadiu, antes de advertir que "hai xente" no Executivo de Sánchez que "non sabe que responsabilidade" asume co cargo de ministros. "Como hai tantos", reflexionou, para agregar que tamén "hai máis egocentrismo que nunca".

Do mesmo xeito, criticou que Sánchez se comporte "máis como un candidato permanente que como un primeiro ministro" e tamén que haxa "máis independentismo que nunca".

Comentarios