O PP galego obtivo o seu peor resultado

Feixoo critica agora o “erro estratéxico” de Casado nas Xerais

Novo cambio de marcha de Alberto Núñez Feixoo. O dirixente que lle emprestou apoio e compromisarios a Pablo Casado cando este recuperou o aznarismo para loitar pola presidencia do PP aparece agora como conspicuo centrista. O mesmo que acompañou en silencio a deriva extremista da campaña das Xerais é agora crítico co “posicionamento político” da organización.
 

feixoo
photo_camera O presidente da Xunta Alberto Núñez Feixoo despois dun Consello. Foto: cedida.

Na comparecencia posterior ao Consello da Xunta desta quinta feira, Feixoo referiuse a “un erro de estratexia” no PP estatal. Segundo as súas palabras, o partido “deixou de ser quen é” por medo a Vox. Avisa do que non avisou no tempo en que Casado iniciou a virada ideolóxica que levou os populares ao seu mínimo histórico no Congreso: 66 cadeiras.

O presidente da Xunta optou a última hora e contra todo prognóstico por non dipsutar a dirección do PP o pasado ano, logo da caída de Raxoi. As razóns daquel paso atrás nunca foron explicadas. O caso é que daquela decidiu colocar a forza e os militantes da póla galega do partido detrás de Pablo Casado, o máis dereitista dos aspirantes. O Feixoo presuntamente centrista aliñábase co fillo político de Aznar e da FAES, que se estreaba como presidente do PP afirmando que os conservadores xa non tiñan razón para votar Vox.

“Somo o partido do centro e da dereita en España”, asegurou Núñez Feixoo, pola contra, esta quinta feira, “mais se soamente somos o partido da dereita deixamos de ser o partido do centro”. A este desprazamento achacou o resultado de Ciudadanos. Tamén acusou ao partido ultra Vox de “trocear o centro dereita e facilitar a maioría do PSOE. Os seus dirixentes sabían o que facían”.

O novo Feixoo centrista tamén avisou de que as eleccións municipais serán outra cousa e que os votantes de Vox “decataranse de que é moito máis doado convivir cos votantes do PP que cos votantes da Falange”. O PP galego obtivo este 28 de abril os peores resultados da súa historia. O PSdeG foi a forza máis votada e a suma de sufraxios das formacións de esquerda e o nacionalismo quedou por diante da suma das tres dereitas.

Comentarios