Feixoo convida a Francisco a visitar Galiza: "Ver ao papa peregrinando sería a mellor noticia"

O presidente da Xunta, acompañado polo arcebispo Julián Barrio, mantiveron un encontro co papa Francisco no vaticano. Durante a xuntanza, ademais de convidalo a visitar Galiza o ano próximo, tamén afondaron no ritmo de vacinación e na "seguridade" do Camiño de Santiago. 
Alberto Núñez Feixoo, recibido en audiencia polo papa Francisco. (Foto: Vatican Media)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo, recibido en audiencia polo papa Francisco. (Foto: Vatican Media)

O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, foi recibido no Vaticano en audiencia polo papa Francisco, ao que agradeceu a ampliación do Ano Santo compostelán e trasladou a invitación para que o pontífice visite a Galiza en 2022.

"Espero ver ao papa peregrinando no ano 2022. Sería, sen dúbida, a mellor noticia que nos poida chegar aos galegos. Pero estas decisións correspóndenlle ao Santo Pai e, por suposto, a información a respecto diso correspóndelle á Igrexa", declarou á saída do seu encontro no Palacio  Apostólico do Vaticano co Pontífice, acompañado do arcebispo de Santiago, Julián Barrio.

Ano Santo 'bianual'

Da mesma maneira que o presidente da Xunta, o prelado dixo que ten "esperanza" en que Francisco poida viaxar a España con motivo de que o Ano Santo foi prorrogado a 2022, como xa o fixeron os seus predecesores, Xoán Paulo II e Bieito XVI. Tamén lembrou que Francisco estivo en España -antes de ser Pontífice- pero non en Santiago. "Gustaríame que viñese. Vivímolo con esperanza", reiterou.

Pola súa banda, Feixoo destacou o privilexio que supón poder facer un Ano Santo bianual. "É a primeira vez na historia que isto ocorre", manifestou, á vez que asegurou que "o vencemento da pandemia" nótase no número de visitantes que entrou na comunidade nos últimos días.

Así, manifestou o seu desexo de que o Ano Santo se desenvolva con "normalidade" desde o punto de vista sanitario, pero tamén "desde o punto de vista do turismo e das persoas que chegan a Galiza". "Estamos moi orgullosos deste privilexio de apertura do noso pobo a todas as persoas que nos visitan", recalcou.

Peregrinaxe

Ademais, o xefe do Executivo galego lembrou que en 2019 bateuse un récord de peregrinación na Galiza, "con máis de 150.000 peregrinos que acreditaron entrar os últimos 100 quilómetros andando". "O número de peregrinos que entrou na Galiza esta fin de semana xa superou os meses de xaneiro, febreiro e marzo xuntos. Nos dez primeiros días de xuño, o número de peregrinos é superior a todo o mes de maio. Estamos xa en máis de 5.000 peregrinos. E a última fin de semana tivemos 650 peregrinos cada un dos días", resumiu. Desta forma, valorou que se está "recuperando una certa velocidade de peregrinaxe".

Durante a súa conversa co papa, tamén falaron, segundo Feixoo, do ritmo de vacinación na Galiza, cuxo obxectivo é que "siga sendo unha das rexións europeas máis seguras".

Ritmo de vacinación

"Informeille do nivel de vacinación. Neste momento máis de 60% das persoas contan cunha dose e entre 36-37% ten as dúas doses. Queremos garantir a finais deste verán unhas condicións de inmunidade moi importantes. Peregrinar a Galiza é seguro e facer o Camiño de Santiago é seguro", recalcou o presidente da Xunta.

Feixoo obsequiou ao Papa cunha cuncha de bronce real de 1,5 quilogramos de peso, que foi adaptada para o seu uso como calcapapeis, ademais dun libro da arquitectura dos pazos e dos xardíns galegos. Mentres, monseñor Barrio obsequiou a Francisco coa medalla do Ano Santo, un libro sobre a catedral de Santiago e unha caixa de chocolates artesanais 'Pedras de Santiago'.

Comentarios