xoves 02.07.2020
5-A

Feixoo, de cocido; Caballero, co butelo

A precampaña dos candidatos popular e socialista a presidir a Xunta trasladouse a Lalín e á Fonsagrada.

Os candidatos do PP e do PSOE na Galiza, Feixoo e Caballero, este domingo en Lalín e na Fonsagrada, respectivamente (Europa Press)
Os candidatos do PP e do PSOE na Galiza, Feixoo e Caballero, este domingo en Lalín e na Fonsagrada, respectivamente (Europa Press)

Os candidatos do PP e do PSOE á Presidencia da Xunta estiveron este domingo de festa gastronómica. Alberto Núñez Feixoo desprazouse á capital do Deza, Lalín, con motivo da LII Feira do Cocido, mentres que Gonzalo Caballero visitou a XXIII Feira do Butelo da Fonsagrada.

O actual presidente da Xunta e candidato do PP na Galiza para recuncar no cargo, Alberto Núñez Feixoo, definiuse a si mesmo como "o candidato de Goberno para gobernar", máis que o "dun partido nin dun conxunto de partidos", en referencia á coalición proposta por Inés Arrimadas, líder de Ciudadanos, para presentarse en bloque aos comicios autonómicos do próximo 5 de abril.

Malia que o titular do Goberno nacional xa deixou clara a postura do PP a esa fórmula de coalición que pretende a forza laranxa baixo o nome de "Mejor Unidos", Feixoo reiterou este domingo na Feira do Cocido de Lalín a súa negativa a unha candidatura conxunta.

Asegurou que o PP galego sabe que "primeiro está Galiza e despois o partido" e por ese motivo el é o presidente do PP no país, un partido que "é o punto de encontro da maioría dos galegos", algo que "a señora Arrimadas sabe".

Aínda que entende que a líder de Ciudadanos segue a "estratexia política" que "lle interesa" para o seu partido, Feixoo "agarda" esa mesma predilección polo que "lle interesa á maioría dos galegos". Segundo el, á cidadanía galega "sempre lles gustaron as pontes e nunca" foron defensores "dos muros".

Aposta por "non perderse en inútiles disquisicións" e volveu ofrecer ás e aos votantes e dirixentes de Ciudadanos que se unan á fórmula política do PP na Galiza. "Collen neste punto de encontro para conseguir esa maioría" que, ao seu xuízo, "vai ser moi complexa, mais posíbel". Porén, rexeita "imposicións, cambios de nome ou deixar de ser o que somos", precisou.

"Se deixamos de ser o que somos non imos ter éxito", afirmou, "se mantemos o noso compromiso cos galegos" o PP na Galiza terá a "posibilidade" de reafirmar esa maioría, "xa sexa con Ciudadanos ou con calquera partido non nacionalista, non populista e non socialista", concluíu.

"Galiza, refén dos recortes de Feixoo"

Pola súa banda, o secretario xeral do PSOE na Galiza, Gonzalo Caballero, fixo un chamamento á Galiza que "defende o Estado do benestar" fronte ás políticas de "recortes" que representa o PP de Alberto Núñez Feixoo.

Caballero estivo acompañado na súa visita á Feira do Butelo da Fonsagrada polo seu tío e alcalde de Vigo, Abel Caballero, así como polo alcalde buroego, Carlos López; polo presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e pola homóloga deste último en Pontevedra, Carmela Silva, todos cargos do PSOE.

Coa vista posta no 5-A, Caballero insistiu en que Galiza "necesita un novo tempo político", porque a cidadanía galega "non pode seguir sendo reféns dos recortes" do actual Goberno. Así, parodiando un dos lemas de precampaña do PP ('Galicia é moito'), Caballero dixo que "Galiza é moito, mais Galiza vai a menos con Feixoo". "Déixanos unha sanidade peor, déixanos unha educación pública peor, déixanos menos atención ás nosas persoas maiores", enumerou o candidato socialista.

Por iso, neste sentido, apostou por que a carreira cara ao 5 de abril serva para "decidir o futuro" do país, onde "o Partido Socialista é a garantía da defensa do Estado do benestar".

Lembrando a multitudinaria manifestación en defensa da sanidade pública, hai unha semana na capital do país, Gonzalo Caballero apelou á "Galixa real, unha Galiza que quere cambio, unha Galiza distinta á Galiza que quere publicitar e promocionar Feixoo subido ao coche oficial".

comentarios