Deputación Permanente

Feixoo desembarca no Parlamento para cargar contra a oposición e o Goberno estatal

Defende na súa comparecen no Parlamento a súa xestión sanitaria e de residencias e considera que está “superada” a “fase crítica”. PSdeG, Común da Esquerda, BNG e En Marea repróchanlle as políticas de recortes e privatizacións na sanidade e políticas sociais. 

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
photo_camera Feixoo na súa comparecencia (Parlamento)

Feixoo compareceu na Deputación Permanente do Parlamento galego para facer balance da xestión da crise do coronavirus. A súa segunda comparecencia en sede parlamentar en oito semanas de crise mentres a través da televisión pública galega fixo 24 comparecencias, como lle lembraron desde a oposición.

A súa intervención, como se agardaba, non deu cabida á mínima autocrítica na xestión da crise. Os erros son atribuíbeis ao Goberno español ( “reina a confusión”) ou incluso á oposición galega (“que minte en sede parlamentar”).

Feixoo comezou afirmando, como nestes días, que a fase crítica da pandemia “está superada” na Galiza. Indicou que 169 concellos levan desde hai 14 días sen ningún caso de COVID-19 e insistiu en que Galiza “cumpre” os requisitos para pasar á Fase I.

Afirmou que se ía centrar en responder aquelas cuestións que entendía de interesa para a cidadanía galega, como as consecuencias sociais e económicas da pandemia, a fase na que está Galiza na loita contra o virus ou se o estado de alarma é a ferramenta acaida para os escenarios que veñen.

Diferentes preguntas que confluíron nunha mesma resposta: salientar a xestión do seu Goberno e poñerse o traxe de defensor do autogoberno para atacar o Executivo español ("non se pode gobernar" mirando unicamente o que ocorre "na capital de España".).

As críticas ao longo destas semanas de profesionais e usuarias á xestión da crise en residencias ou servizos sanitarios non recibiron resposta. Feixoo non compareceu no Parlamento, após a insistencia da oposición en que o fixese, para iso.

Anunciou que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) fará test de coronavirus ao "100%" dos profesionais sanitarios e non sanitarios dos centros de saúde e hospitais e detallou que a Administración autonómica xa completou o varrido nas residencias galegas

BNG: “Instálase no cinismo”

A portavoz do BNG, Ana Pontón, reprochou Feixoo que nun tempo de crise no que o que se precisa é “diálogo e cooperación” o presidente “non ofreceu nada”.

“Equivócase tamén cando non busca o acordo cos grupos parlamentarios e instálase no cinismo e o oportunismo político", afeoulle Pontón, que puxo en cuestión que o PP en Madrid reclame "diálogo e transparencia" cando na Galiza "esconde os seus erros na propaganda".

Logo de lembrarlle tamén a Feixoo os "recortes" en sanidade pública durante os seus 11 anos de xestión, Pontón chamou a atención sobre o feito de que "45%" das persoas falecidas por coronavirus fosen usuarias de residencias.

Dixo que a crise era sanitaria, social e económica e que o Goberno galego non estivo á altura. Lembroulle recortes en Atención Primaria, persoal e medios; para alén de incidir na “política privatizadora” en residencias públicas e na súa incapacidade para ofrecer propostas e medidas para as traballadoras en ERTE ou as autónomas. “Só fai de avalista bancario”, reprochoulle.

Común da Esquerda: “O que vostede representa sae derrotado”

O portavoz do Grupo Común da Esquerda, Antón Sánchez, asegurou que as políticas do presidente da Xunta "saen derrotadas" da crise do coronavirus, unha xestión que o PP "quere ocultar" coa "manipulación". Sánchez comezou a súa intervención denunciando a "manipulación" nos medios públicos galegos.

Lembrou que en 2017 houbo un informe do Consello de Contas no que se dicía que a Xunta "non iniciou un único expediente sancionador" a residencias a pesar do detectáronse "incumprimentos" nas inspeccións.

"As súas políticas son derrotadas desta crise e son as que queren ocultar coas súas políticas de manipulación", dixo Antón Sánchez. "Todo o que vostede representa, o discurso contra o público, é derrotado rotundamente".

Gonzalo Caballero: “A cidadanía non confía en vostede”

“A cidadanía galega non confía en vostede cando pide que non se prorrogue o estado de alarma”, dixo Gonzalo Caballero (PsdeG). O líder socialista incidiu nesa falta de confianza e acusou Feixoo de “poñer os intereses do PP por riba de Galiza”.

Galiza chegou a esta crise cun sistema sanitario “debilitado” polos recortes do PP, dixo, e lembroulle a Feixoo que a oposición deu exemplo de “lealdade” durantes esta crise.

A través dun comunicado o deputado do Grupo Mixto e membro de En Marea Davide Rodríguez instou o presidente da Xunta a "rectificar" e "dividir o país en 14 áreas" sanitarias para entrar nas fases de desconfinamento, en lugar do sete actuais que reclama o Goberno galego. Rodríguez non puido intervir na Deputación Permanente por mor dunha enfermidade.

Comentarios