Feixoo, "cada día máis orgulloso" de ser do PP

O presidente da Xunta, na reunión da xunta directiva do PPdeG, advertiu que "os partidos que se pelexan sacan malos resultados". Sobre o futuro do país, dixo que vén unha "época dura", con "menos diñeiro e menos orzamento".

feixoo_xuntadirectiva
photo_camera O presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feixoo, este sábado no Palexco da Coruña (Nós Diario)

O presidente da Xunta e líder do PP na Galiza, Alberto Núñez Feixoo, pediu este sábado aos seus a "seguir mudando con Galiza" e, tras subliñar o novo escenario marcado pola pandemia, defendeu as substitucións de caras que realizou no primeiro e segundo nivel do seu Executivo para afrontar "novos retos" nos ámbitos sanitario, económico e social, nunha época que será "dura".

"Neste ano 2020 em que todo o mundo afronta unha pandemia, cando nos encheu de dúbidas o que debiamos facer, intentamos cambiar o Goberno galego para que traia certezas. A Xunta anóvase e reármase", proclamou, na reunión da xunta directiva do PP galego, máximo órgano do partido entre congresos, que se desenvolveu na Coruña.

Ante os seus, Feixoo xustificou as súas últimas decisións na Xunta, convencido de que a cidadanía galega non lle prestou o seu apoio maioritario nin lle deu "unha maioría abafadora" nas eleccións do 12 de xullo para "facer o mesmo", senón para "responder a novos retos e buscar novas solucións" no complicado escenario do coronavirus e as súas consecuencias.

Chegan os tempos do "non"

O líder popular reivindicou a renovación e o cambio nun discurso en que subliñou que hai que "mudar con Galiza" e insistiu en que "sería un erro pensar que Galiza votou ao inmobilismo ou para que todo siga igual". Tamén deu as grazas pola súa "xenerosidade" a quen deixaron paso ou ás fichaxes, xa que terán que afrontar unha realidade que ─avanzou─ será "dura".

"Máis dura a final de ano, e dura en todos os meses de 2021", anticipou, para engadir que, tras anos de "crecemento económico" en que se comezaba a escoitar que "si" no Goberno, agora chegarán os tempos do "non" e a xestión máis difícil con "menos diñeiro e menos orzamento".

Por iso, admitiu que non é "o mellor momento" para asumir a responsabilidade que trae consigo un cargo público, aínda que tamén deixou unha mensaxe positiva: a convicción de que o país poderá "saír desta".

Neste arranque do curso político "distinto", en que os populares convocaron esta cita ─cunhas 200 persoas en Palexco─ no canto do tradicional acto multitudinario, interviron os presidentes provinciais do partido na Coruña, Diego Calvo; Lugo, Elena Candia; e Pontevedra, Alfonso Rueda.

En representación de Ourense fíxoo o xefe do Lexislativo, Miguel Santalices, xa que o líder provincial ourensán, Manuel Baltar, non puido acudir por motivos familiares, segundo fontes provinciais.

"O noso compromiso é mudar con Galiza, interpretar esa mudanza e, de ser posíbel, protagonizala", defendeu Feixoo, ao tempo que dixo ter a "man tendida" á oposición a pesar de contar con maioría absoluta. Tamén dixo que cumpría "recuperar a confianza en quen traballan nos servizos públicos".

Emoción e orgullo

Xa en clave de partido, emocionado, proclamou que está "cada día máis orgulloso" de formar parte do PP galego, "un partido leal, que nunca creou divisións e non fixo máis que cumprir o Estatuto, a Constitución e defender España".

Unha vez máis, incidiu na importancia de ser unha forza "unida", xa que "os partidos que se pelexan sacan malos resultados". O PPdeG, concluíu, é "o partido das persoas" e o que "tomará decisións" sen "destruír a oposición" nin tratará de disfrazar "a inacción socavando o resto de partidos democráticos".

"Moi orgulloso" de pertencer ao PP, deu as grazas aos seus por un resultado "histórico" nas urnas e animounos a continuar a tarefa. Pola súa banda, prometeu que "seguirá traballando" polo partido e polo país.

Comentarios